29 de nov. de 2023

O ROSAL

Concerto cheo de anécdotas e vivencias para visibilizar o papel da muller na música  

 Nuria Naya e Fátima Martínez achegaron á rapazada do CPI Manuel Suárez Marquier a importancia, incidencia e marxinación das mulleres na música ao longo dos tempos   


O alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier desfrutaron estes días dun interesante encontro coa violinista Nuria Naya e a saxofonista Fátima Martínez
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 Promocionar a igualdade e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos no eido laboral, cultural, científico... e musical. Ese é o obxectivo de ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha polo Concello do Rosal para continuar revolucionando mentes e camiñar cara a unha igualdade real dando a coñecer e achegando figuras femininas de calado tamén á rapazada e mocidade. 

 Ao abeiro desta iniciativa, o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier desfrutaron estes días dun interesante encontro coa violinista Nuria Naya e a saxofonista Fátima Martínez, que a través dun pequeno concerto con anécdotas, citas e detalles curiosos concienciaron á rapazada da importancia, incidencia e marxinación das mulleres na música ao longo dos tempos. 

 Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “con estas actividades buscamos dar a coñecer a situación das mulleres e as súas circunstancias sociais, xa que foron moi distintas ás dos homes e esas dificultades vense reflectidas na súa expresión e produción musical”. “Non ter en conta e non coñecer ás compositoras, intérpretes, directoras... significa non coñecer boa parte da nosa tradición musical”, recalcou.  

 A través de diferentes pezas musicais, Naya e Martínez fixeron un percorrido histórico dende a antigüidade ata hoxe contando ademais a súa experiencia como mulleres dentro do ambiente musical formativo e profesional.  


 Nuria Naya e  Fátima Martínez nunha aula con alumnado  do CPI Manuel Suárez Marquier 


 A compositora e intérprete Nuria Naya foi violinista en diferentes orquestras e na Banda de Gaitas Artalgo, onde nace o seu dúo con Víctor Iglesias, e grava e colabora con formacións de diversos estilos musicais, como Mercedes Peón ou Xoel López. Violinista na actualidade en Luar na Lubre, dende o ano 2020 embárcase nun novo proxecto con Fátima Martínez: a escola de música ‘Entresons’, un centro especializado en Método Suzuki e Mago Diapasón.  

 Pola súa banda, Fátima Martínez comezou os seus estudos musicais na Agrupación Musical do Rosal. Formou parte da agrupación ao mesmo tempo que colaboraba con distintas bandas de música populares e agrupacións da xeografía galega. Especialista no método Mago Diapasón, impartiu clase en diferentes escolas de música e encargouse durante varios da dirección coral de Cantores de San Diego e do Coro do Centro Cívico do Castrillón. Actualmente imparte saxofón na Escola Municipal de Música de Cee á vez que dirixe xunto a Naya ‘Entresons’. 

 Co proxecto ‘Mulleres que inspiran’ o Concello do Rosal busca camiñar cara á igualdade a través de diferentes liñas de actuación para proporcionar visibilidade ás mulleres e aos seus logros, favorecendo a erradicación das desigualdades de xénero, poñendo sobre a mesa os mecanismos que favorecen a violencia de xénero e promovendo a formación en igualdade de oportunidades e a reflexión sobre todo tipo de violencia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario