21 de nov. de 2023

A GUARDA

Día Internacional da eliminación da Violencia contra a Muller  

Programa de actividades do Concello de A Guarda 




Infogauda / A Guarda 

 O día 25 de novembro, ás 12:00h, na Casa dos Alonso terá lugar un acto conmemorativo onde as/os portavoces dos diferentes partidos políticos terán a oportunidade de  manifestar a súa repulsa contra todas as manifestacións da violencia machista e o seu compromiso coa igualdade. Este acto estará acompañado  dunha actuación a cargo do Grupo Dansá  

 O mesmo 25, terá lugar no Centro Cultural ás 20:30h, a representación de “Iphixenia na porta do súper”, un monólogo actual que fala das consecuencias dos recortes sociais a través da vida da súa protagonista, unha moza de barrio que pasa os días nun bucle de alcohol e apatía rondando as rúas da súa vila. Interpretada maxistralmente por Alba Caneda, a súa personalidade magnética e directa amosa sen filtros e con humor aos dilemas da protagonista na súa particular historia de amor/desamor, nas decisións que lle seguen e as consecuencias finais as que se ve abocada polos recortes sociais.   

 A protagonista do noso espectáculo chámase Iphixenia, "Ifi", como adoita a grafitear nas paredes e paradas do seu barrio. É unha rapaza de vinte e poucos anos, que non estuda nin traballa. Unha moza de clase baixa que vive coa súa avoa e que pasa o día na rúa intentando pasar o tempo nun bucle de resacas. É esa persoa que atopas na porta do supermercado agardando conseguir unha moeda pero que non queremos ver. En certo modo, a pesar de cruzarnos con ela tódolos días, resulta invisible aos nosos ollos, non queremos saber nada da súa vida. E a vida de Ifi garda moitas sorpresas. 

 Actividade financiada con cargo aos créditos do Fondo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e  contra a Violencia de Xénero.   

 Continuando coa programación, o 28 de novembro desde ás 9:30 ás 13:30h levarase a cabo na Praza do Reloxo, a Campaña 'Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual', impulsada pola Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ten como finalidade informar á cidadanía sobre a violencia sexual en particular e sobre a a violencia de xénero en xeral: como previla, como detectala e como combatela, ofrecendo pautas claras de actuación.  Igualmente trátase de sensibilizar e concienciar sobre a importancia de rachar coas condutas violentas e non igualitarias, tanto nas relacións sociais como de parella, principalmente entre a xente moza, facendo fincapé na identificación das múltiples formas de micromachismos e violencias cotiás que sofren as mulleres, e promovendo modelos de relación afectivo-sexual baseados no respecto e a tolerancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario