O Concello de Tui apoia aos deportistas internacionais coa convocatoria de bolsas anuais
Destinando unha partida de 10.000€ a esta finalidade
Infogauda / Tui
O Concello de Tui amosa anualmente o seu apoio á práctica deportiva de alto nivel coa convocatoria de bolsas dirixidas aos e ás deportistas que neste ano teñen participado en competicións federadas de ámbito internacional. Hoxe luns, 30 de outubro, vén publicado no BOPPO o extracto das bases reguladoras para a concesión destas bolsas.
O Concello de Tui segue destinando unha partida de 10.000€ a esta finalidade, co obxectivo de facilitar a estes e estas deportistas a práctica deportiva e a súa participación nas competicións internacionais. Deste xeito valórase a súa especial dedicación ao deporte e, á súa vez, á difusión que realizan da Cidade de Tui naqueles eventos deportivos de carácter internacional.
As/os deportistas tudenses terán un prazo de dez días hábiles, contados a partir de mañá, para presentar a solicitude e a documentación indicada nas bases, a través de sede electrónica do Concello de Tui.
No ano 2022 foron once os deportistas tudenses que obtiveron as bolsas: as padeeiras Lara Feijóo, Cristina Soutelo e Lucía Soutelo: os padeeiros Iván Alonso, Pedro Vázquez, Sebastián Delgado, Matías Valentín Otero e Manuel Garrido; a remeira Carlota González; o remeiro Jesús González; e o judoca Avelino Martínez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario