Álvaro M. Leiro e Julia de la Cal, dous cesteiros do territorio de Eu Rural que optan aos Premios Nacionais de Artesanía 2023
• O artesán de Pazos de Borbén é finalista no Premio Nacional de Artesanía, mentres que a porriñesa está nomeada na categoría Emprendemento
• Outras catro empresas do territorio acadaron algún dos galardóns ou foron finalistas ao longo dos 16 anos de vida destes premios
Infogauda / Mos
O territorio de Eu Rural é terra de artesáns e
artesás de gran nivel e calidade. Os Premios Nacionais de Artesanía 2023, convocados
polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, contan con dúas
candidaturas de profesionais que crean as súas obras e desenvolven a súa
actividade nalgún dos trece concellos que aglutina o grupo de desenvolvemento
rural.
O cesteiro de Pazos de Borbén Álvaro Martínez Leiro opta ao Premio Nacional
de Artesanía pola súa fusión do proceso
tradicional cos deseños contemporáneos. Leiro fíxose cesteiro grazas a un
proxecto fotográfico: a comezos dos 2000 viaxou por Galicia retratando vellos
oficios da agricultura tradicional e quedou fascinado pola cestería en espiral,
unha técnica empregada dende tempos ancestrais para fabricar canastras e outros
recipientes nos que transportar alimentos. Aínda que, sen dúbida, o fito que
lle cambiaría a vida sería que Loewe o retara a replicar as súas cestas en
coiro despois de que un observador da marca o descubrira nunha feira de
artesanía en Agolada.
Pola súa banda, a cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica. do
Porriño, está nomeada na categoría de Emprendemento pola súa contribución ao mundo da arte e da
artesanía, onde combina técnicas tradicionais cun enfoque contemporáneo. Con
experiencia como deseñadora gráfica e ilustradora, durante os seus estudos de
Deseño Industrial comeza a súa andaina no mundo da cestería e se forma en
numerosos talleres de España e do norte de Europa e o seu traballo foi
seleccionado para Medallas Adi Fad do Fomento das Artes e o Deseño, para o
Mercat d’Idees do Barcelona Centro de Deseño ou para formar parte da exposición
Síntesi de A-Fad. Agora desenvolve o seu labor na Parabólica, “un taller de
deseño, artesanía e un montón de excentricidades”, como ela mesma define.
Os gañadores e gañadoras coñeceranse durante a
celebración da gala de entrega dos premios o vindeiro 15 de decembro na sede do
Ministerio de Industria, Comercio e Turismo en Madrid.
E é que a participación de Álvaro M. Leiro e de
Julia da Cal no é a primeira incursión de profesionais do territorio de Eu
Rural nos Premios Nacionais de Artesanía, que este ano chegan á súa décimo
sexta edición. Xa no ano 2019 a nigranesa Paula Ojea
acadaba o Premio Produto pola súa colección Cut&Fold, unha serie que se
caracteriza polas súas formas xeométricas imposibles con pezas nas que
contrasta a precisión do deseño coa irregularidade do proceso artesanal.
Premio Produto tamén foi no ano 2008 para Joyas de la Raspa, unha marca de xoiería de Oia a través da que
Miguel Sánchez-Cantón e Virginia R. Lorenzo realizan pezas que representan
criaturas mariñas. Estes artesáns tamén foron finalistas ao Premio Produto nas
edicións de 2006 e 2007.
O ano pasado, o tomiñés Aitor Martínez e o seu taller de tornaría no que crea pezas de madeira Vikensen foron finalistas no Premio Emprendemento. Ademais, no ano 2015 a empresa de artesanía nigranesa K-LO Taller de Ecodiseño rematou como finalista na categoría de Emprendemento polo seu compromiso coa innovación e o desenvolvemento dun produto fresco, lámpadas de cartón realizadas integramente con materiais eco.
A presidenta de Eu Rural, Sandra González, destaca a importancia de que cada ano artesás e artesáns dos 13 concellos formen parte das candidaturas a obter este premio nas súas diferentes categorías. “Estes recoñecementos distinguen as actrices e actores relevantes da artesanía nacional que, co seu traballo, fan do sector un motor de economía, emprego e innovación e outorgan un valor engadido ao prestixios do noso territorio”, salientou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario