3 de out. de 2023

GALICIA

A REDE TOOL LAB, LIDERADA POLO CENTRO SAN XEROME, VAI CELEBRAR EN GALICIA TRES XORNADAS DE CAPACITACIÓN, EXPERIMENTACIÓN E DIFUSIÓN CONXUNTA 

 O evento celebrarase do 4 ao 6 de outubro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela


Participantes nunha das actividades 
Foto: Cedida


Infogauda / Galicia

 A iniciativa enmárcase nas actividades do proxecto “TooL Lab: Think Tank de transformación da Economía social dos máis vulnerables”, que foi financiado polo Ministerio de Traballo e Economía Social, con fondos Next Generation EU na última convocatoria do PERTE da Economía Social e dos Coidados.  

 En concreto, os días 4 e 5 de outubro levarán a cabo sesións de capacitación e experimentación conxunta centradas na aplicación de metodoloxías para o cambio na cultura organizativa, inspiradas na Teoría U e o Paradigma TEAL. En particular, profundaranse temáticas como a aliñación co propósito evolutivo da organización, a autoxestión, o benestar e o coidado das persoas na contorna de traballo. Todos iso da man e co apoio de facilitadores expertos, como José Manuel Portalo (Amadip Esment Fundació, Illas Baleares), Atzio Orexa (Grupo Ner, País Vasco), Eva Miguélez (Deluz y Compañía e El Super de los Pastores, Cantabria) e Ester Ortega (Fundación Aprocor, Madrid).  

 O día 6 celebrarase a xornada de presentación da Rede TooL Lab ás institucións e ás entidades do sector da economía social de Galicia. Participarán no evento representantes do IGAPE e da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; do Foro da Economía Social de Galicia; dos sindicatos e de entidades representativas do ámbito da discapacidade.  

 TooL Lab é un proxecto colaborativo que involucra a 10 organizacións de 4 distintas Comunidades Autónomas: Galicia, Canarias, Illas Baleares e País Vasco. Participan na agrupación 7 centros de atención especializada á discapacidade intelectual (SAN XEROME EMILIANI, ADISLAN, AMIPA, APROSCOM, ASPABER, EVD-GALICIA de Mos e Crecente), aos que se suman 2 provedores de servizos de consultoría para entidades da economía social (a cooperativa ALGALIA e a Fundación EDE) e a asociación empresarial galega da discapacidade IN-REDE.   

 TooL Lab promove un cambio radical nos modelos organizativos e de xestión das entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos a persoas con discapacidade, que permita combinar a profesionalización do sector co mantemento da súa misión social e o desenvolvemento de relacións laborais baseadas na autonomía e autogestión dos equipos e o benestar das persoas traballadoras.  

 As xornadas de Galicia estarán abertas aos membros da Rede TooL Lab e a outras entidades da economía social que queiran sumarse a ela. O programa de actividades está dispoñible na web do proxecto.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario