14 de out. de 2024

O ROSAL

Irmandade, memoria, produto local e música para unhas históricas Festas do Outono do Pilar  

 Éxito de participación nunha nova edición destas tradicionais festas nas que se consolidou a unión entre O Rosal, A Guarda e A Laracha  

 

A alcaldesa do Rosal co alcalde da Laracha, concelleiros/as, telleiros e veciños/as da Laracha, A Guarda e O Rosal, na praza do Calvario, nas Festas do Outono do Pilar do Rosal

Fotos: Luis Dorado Senra
José Álvarez Alonso con Esteban Vicente Rodríguez, na demostración do oficio dos telleiros, en presenza de Praxíteles González Martínez, e do público situado na praza do Calvario


Infogauda / O Rosal 

 Grande éxito de participación durante toda a fin de semana nas tradicionais Festas do Outono do Pilar do Rosal, tres días de lecer, coñecemento e convivencia na que rosaleiros e rosaleiras non só celebraron e recuperaron tradicións, senón nos que tamén se afianzou a unión coa Laracha e A Guarda, tres pobos irmandados pola historia. 

 Veciñanza, telleiros (cabaqueiros, na xerga gremial) e familiares ateigaron o Centro Social Polivalente para descubrir o gran traballo realizado polo escritor e documentalista Xabier Maceiras no seu libro ‘As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño’, unha obra que contou coa inmensa colaboración de José Álvarez Alonso (Pepe O Buraco) e no que grazas á colaboración das familias telleiras se recuperan as historias dos homes que entre os anos 30 e 70 do século pasado deixaban no Rosal e na Guarda ás súas familias durante meses para traballar nas telleiras da Laracha.  

 Un emotivo encontro que contou coa participación da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, así como de concelleiros e concelleiras de ambos municipios. A rexedora rosaleira destacou a importancia deste evento, “un irmandamento que pon de relevo a riqueza histórica e humana que nos une. Os cabaqueiros son unha parte fundamental da nosa identidade e grazas a proxectos coma este recuperamos unha memoria que nos pertence a todas e todos”.  

 Imprescindible xa nas Festas do Outono do Pilar é a Feira de Produtos do Rosal, que se consolida nesta terceira edición cunha gran participación de público. As persoas visitantes gozaron dun ambiente excepcional no que a calidade dos produtos uniuse co bo ambiente e a música. Durante toda a xornada, o público puido desfrutar de produtos rosaleiros como mirabeis, mel, marmeladas, produtos da horta, plantas de exterior e interior, produtos naturais para a pel, doces, viño,..., ao tempo que degustaba xamón e polbo, regados cos mellores caldos rosaleiros.  

 A tradición tamén tivo un papel relevante na celebración un ano máis do Memorial Irmáns Flores, no que ao son de Silvia Redonda, de Rianxo; Zurrumalla, de Vigo; e Cántigas e Frores, de Lugo, deuse un novo paso na recuperación da música das murgas, parte esencial dunha cultura moi arraigada no Rosal e parte moi importante da historia musical rosaleira.  

 A banda de música da Agrupación Musical do Rosal puxo o broche de ouro das Festas do Outono do Pilar cun emotivo concerto no auditorio municipal no que presentou o repertorio co que participarán no Certame Galego de Bandas de Música Populares tras trece anos de ausencia, obras de grande complexidade ás que levan dedicado meses de traballo e esforzo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario