31 de out. de 2023

ECONOMÍA

Folga no sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra por un convenio digno 

 A CIG-Banca convoca un paro parcial de tres horas este venres día 3 e unha protesta na Confederación de Empresarios en Vigo  


A secretaria comarcal da CIG-Banca de Vigo, Iria Salvande, e o membro da CIG-Pontevedra Aitor Maquieira, cunha traballadora do sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra, na rolda de prensa de hoxe

Foto: CIG


Infogauda / Vigo / Pontevedra

 A federación de Banca da CIG anunciou hoxe a convocatoria dun paro parcial de tres horas no sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra para este venres 3 de novembro para reclamar un convenio colectivo digno tras 11 anos caducado e sen actualización salarial dende 2012. A central sindical aproveitará a xornada para desenvolver unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios en Vigo. 

 A decisión foi adoptada polo persoal afectado nas asembleas promovidas pola CIG para abordar as propostas “irrisorias” da patronal, que insiste en “querer condenar” as arredor de 6500 traballadoras/es do sector “á precariedade laboral e á miseria”. Así o denunciaron hoxe en rolda de prensa a secretaria comarcal da CIG-Banca de Vigo, Iria Salvande, e o membro da CIG-Pontevedra Aitor Maquieira, que compareceron xunto a unha delegada da central sindical no sector. 

 En concreto, censuraron que o empresariado pretenda conxelar a antigüidade “a cambio de migallas” (500 euros nun pago único non consolidábel) e actualizar a táboa salarial de 2014 cunha suba do 10% sobre os soldos de 2012, mentres que para 2015 o incremento sería só dun 3%. Neste senso, lembraron que na actualidade todas as categorías laborais do sector (excepto titulada/o superior e titulada/o media/o perciben soldos por debaixo do SMI). Por iso a CIG, que ten a maioría absoluta no sector a nivel provincial, decidiu primeiro convocar mobilizacións para lograr que a patronal se sentase a negociar “porque a situación é insostíbel para as traballadoras/es” e agora para denunciar que as propostas que o empresariado puxo enriba da mesa están moi longo das pretensións dos cadros de persoal. 


Cartel da convocatoria dun paro parcial este venres día 3 entre as 12:00 e as 15:00 horas

 “Por iso as asembleas decidiron que era o momento de saír a por todas e de dicir que até aquí chegamos”.  De xeito que se optou por deseñar un calendario de mobilizacións que comezará coa convocatoria dun paro parcial este venres día 3 entre as 12:00 e as 15:00 horas, xornada que se aproveitará tamén para desenvolver unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, na rúa García Barbón de Vigo, de 13:00 a 15:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario