PIRAGÜISMO
TRES MEDALLAS DE PRATA PARA OS TEIXUGOS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM
Rosa Fernández Carrera / Deportes
Esta fin de semana pechouse a tempada 2023 de slálom co Campionato de España da modalidade. As augas da canle olímpica da Seu D´Urgell acolleron a máis importante das competicións do panorama nacional no que se deron cita máis de douscentos deportistas das categorías sénior e júnior. O sábado disputáronse as clasificatorias e no domingo as semifinais e finais.
O club Deportivo Miño-Teixugos levou un equipo reducido, pero con impresionantes resultados.
En C1 sénior, Luís Fernández, superou sen problemas as clasificatorias cun cuarto lugar. O domingo deu mostras do seu gran nivel ao pasar a finais sen maior problema co segundo mellor tempo. Na final, fixo unha gran baixada, sen penalizacións, nun tempo de 90,68 segundos que lle valeu a medalla de prata.
En K1 sénior, Manuel Ochoa, tamén superou sen problemas as clasificatorias do sábado e as semifinais do domingo con dúas grandes baixadas. Na final, cunha impresionante actuación, quedou segundo cun tempo de 85,65 segundos, a menos de dúas décimas de gañar o campionato.
En K1 veteranos, Emilio Rodríguez, fixo unha gran final, conseguindo a terceira das medallas de prata para os Teixugos.
En C1 sénior, Alba Soutelo, conseguiu superar as clasificatorias, pero non as semifinais, rematando no duodécimo lugar.
Gran peche de tempada para o Club Deportivo Miño-Teixugos con estas tres medallas de prata. Confirmando, ademais, aos subcampións de España Manu Ochoa e Luís Fernández como parte da elite do slálom español.
Ningún comentario:
Publicar un comentario