14 de set. de 2023

VIGO

A SEDE DE VIGO DA DEPUTACIÓN VAI ACOLLER DESDE O 20 DE SETEMBRO A EXPOSICIÓN “A FRÁXIL PEL DO MUNDO” DE SARA COLEMAN 

A mostra de escultura-instalación, con acceso gratuíto, poderá visitarse ata o 10 de novembro na sala Maruja Mallo


“A fráxil pel do mundo”
Foto: D.PO.

Infogauda / Vigo

 A sala Maruja Mallo da sede de Vigo da Deputación de Pontevedra vai acoller desde o próximo 20 de setembro e ata o 10 de novembro a exposición de escultura-instalación “A fráxil pel do mundo”, da artista coruñesa Sara Coleman. A mostra, que está aberta a toda a cidadanía e é de acceso gratuíto, toma o seu nome do texto homónimo de Jean Luc-Nancy, publicado no 2020, no que o filósofo reflexiona sobre as relacións que se manteñen co mundo a través da pel.  

 Baixo esta perspectiva, a artista mergulla aos visitantes nun espazo epidérmico para reflexionar sobre a transformación da sensibilidade. A través do feltro, pon en relación o natural e o cultural, o individual e o social para establecer unha crítica da maneira actual de entender o mundo. Por iso, emprega materiais naturais e procesos sostibles e artesanais para desenvolver as súas obras, o que funciona como unha metáfora e compromiso na maneira en que Coleman se relaciona co que fai. Na sala Maruja Mallo a instalación convivirá cunha serie de 30 cadros baixo o título “Transmutacións”.  

 A artista, deseñadora e investigadora Sara Coleman (A Coruña, 1980) é graduada en Belas Artes e cun máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo. Tamén cursou estudos de deseño en moda e patronaxe, ademais dun máster en Xestión de Moda e varios cursos de posgrao do ámbito cultural e no deseño. Conta con premios e mencións artísticas como o primeiro premio ArtsFAD 2017, o premio Julián Trincado ou un accésit no I Premio Téxtil de Arte Contemporánea 2022. Por outra banda, foi seleccionada como artista residente no Colexio de España en París 2018 de Artes Plásticas e nas Residencias Artísticas MAC 2017. A súa práctica artística desenvólvese a través da escultura, da instalación e dos procedementos performáticos empregando materiais téxtiles e brandos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario