A Xunta de Galicia e Afundación renden homenaxe a un centenar de artistas na mostra ‘Retratos dun tempo da plástica galega’
O proxecto do fotógrafo Xulio Gil, comisariado por Xabier Limia, poderá visitarse na rúa Policarpo Sanz ata o 11 de novembro
Laxeiro, Isaac Díaz Pardo, Chelo Rodríguez, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Patiño, Din Matamoro ou Berta Cáccamo son algúns dos creadores retratados
A iniciativa tivo o berce en 1988 e conta tamén con fotografías de persoeiros como Manuel Quintana Martelo, Ángeles Iglesias, Manolo Buciños ou Soledad Penalta
Infogauda / Vigo
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na sede de Afundación de Vigo a exposición Retratos dun tempo da plástica galega, o novo proxecto da Xunta de Galicia e Afundación co que se rende homenaxe a un centenar de artistas galegos. Trátase dunha iniciativa do fotógrafo Xulio Gil, comisariada por Xabier Limia, que se poderá visitar na rúa Policarpo Sanz ata o 11 de novembro.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importante “contribución que fixeron á identidade cultural de Galicia os creadores retratados nesta iniciativa”. “Persoeiros como Laxeiro, Isaac Díaz Pardo, Chelo Rodríguez, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Patiño, Din Matamoro, Berta Cáccamo, Manuel Quintana Martelo, Ángeles Iglesias, Manolo Buciños ou Soledad Penalta son os construtores da realidade cultural que temos hoxe en día e que é un referente no conxunto do país”, sinalou Anxo M. Lorenzo.
A idea deste proxecto expositivo tivo o berce no ano 1988 co gallo da exposición Antropolóxicas promovida por Enrique Acuña e continuado posteriormente coas fotografías para a colección Artistas Galegos dirixida por Antón Pulido. Desde entón, foi sumando imaxes a unha colección que foi xermolando no tempo cun elenco cada vez maior.
En concreto, a exposición componse dun cento de imaxes de gran formato, acompañado dun catálogo editado pola Xunta de Galicia froito dunha colaboración entre o fotógrafo Xulio Gil e o comisario Xabier Limia, responsable dos textos e escolmas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario