13 de set. de 2023

TUI

A exposición ‘Tu pueblo será mi pueblo’ sobre o museu xudeu de Odesa, de Ucraína, pode visitarse ao longo deste mes

No anexo da Sala Municipal, no edificio Francisco Sánchez


 A exposición “Tu pueblo será mi pueblo” pode visitarse ao longo deste mes
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A exposición “Tu pueblo será mi pueblo” sobre o museo xudeu da cidade ucraína de Odesa pode visitarse ao longo deste mes no anexo da Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez, en Tui. A mostra chega a Tui da man da Red de Juderías España coa colaboración do Concello de Tui e forma parte da programación ‘Setembro xudeu en Tui’.  

 Esta exposición é unha iniciativa do Museo Xudeu de Béjar, en colaboración coa Rede de Barrios Xudeus de España e xorde como unha colaboración internacional para permitir que o Museo Migdal Shorashim, de Odesa, en Ucraína, pechado dende o inicio da invasión rusa, abra as súas portas a 4.000 quilómetros de distancia.  

 A exposición, que toma o seu nome, “Tu pueblo será mi pueblo”, do Libro de Rut, permite coñecer a historia da comunidade xudía desa cidade ucraína, situada á beira do mar Negro e que albergaba unha das comunidades xudías máis importantes do mundo. As imaxes sobre a súa cultura, as súas tradicións, as figuras máis destacadas dos séculos XIX e XX e a evolución da comunidade compleméntanse con catro pezas musicais seleccionadas para a ocasión, que acompañan o percorrido, e cunha visita virtual que completa a experiencia.  

 A concelleira de Turismo do Concello de Tui, Ana Núñez, indica que  o obxectivo de contar presenza desta exposición en Tui na programación do “Setembro xudeu” é amosar a solidariedade entre as diferentes comunidades a través dos seus museos xudeus, acollendo unha parte da súa historia e incidindo nos efectos da guerra na cultura, a convivencia e a solidariedade internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario