O Concello de Tomiño comeza unha campaña para loitar contra o depósito indebido de residuos
Nos últimos meses producíronse numerosas incidencias por depósito de residuos fóra dos colectores e abandono de voluminosos en lugares públicos
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño ven de comezar unha campaña para fomentar o depósito correcto de residuos. Nesta campaña, na que se sinalarán visiblemente todos os residuos depositados fóra de sitio, preténdese evidenciar as malas prácticas para fomentar que a veciñanza sexa responsable e utilice os colectores axeitados para cada tipo de residuo e faga uso do servizo de recollida de voluminosos.
Dende hai meses veñen aparecendo voluminosos e residuos en xeral depositados fóra de lugar en diferentes puntos do Concello. Isto está a implicar problemas de salubridade e limpeza, xa que o lixo depositado na rúa produce malos cheiros e atrae animais, que o removen e espallan. Este feito altera gravemente o traballo de recollida por parte dos operarios do Concello, que ademais do seu labor habitual teñen que localizar e recoller os residuos ciscados fóra de lugar.
Depositar lixo e voluminosos fóra do seu lugar non só xera problemas de sucidade e malestar para toda a veciñanza, senón que pode carrexar multas de ata 750 euros, ou superiores se a incidencia é grave, para as persoas que cometen as infraccións.
Desde o Concello lémbrase que existe un servizo gratuíto de recollida de voluminosos porta a porta. Para utilizalo, só hai que chamar ao teléfono 986 622 001 e nel recibiranse as indicacións de día e horario de recollida. Ningún residuo voluminoso debe ser depositado ao lado dos contedores de lixo.
Dende o Concello agradécese o labor de todos os veciños e veciñas que cada día fan un esforzo para realizar unha correcta xestión dos seus residuos, facendo de Tomiño un municipio concienciado e limpo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario