BALONMÁN DHF
O Mecalia Atlético Guardés visita Valladolid no partido estrela da xornada 5
• Duelo de máxima esixencia para o conxunto do Baixo Miño, que se enfronta en Huerta del Rey ao actual líder da liga (sábado, 16:30 horas)
• Mecalia Atlético Guardés e Aula Valladolid protagonizan o partido estrela da xornada 5, que será retransmitido por Teledeporte
• Cristina Cifuentes: “É importante que fagamos un partido moi correcto se queremos levarnos os dous puntos”
Redacción / Deportes
O Mecalia Atlético Guardés medirase este sábado 30 de setembro, ante o Caja Rural Aula Valladolid, o actual líder da liga Guerreiras Iberdrola. Este duelo de altura será o partido estrela da xornada 5 e, por tanto, será retransmitido en directo por Teledeporte.
O pavillón Huerta del Rey prepara os últimos detalles para acoller mañá, ás 16:30 horas, unha proba de máxima esixencia para o conxunto miñoto, que se sitúa sétimo na táboa, acumulando dúas vitorias e dúas derrotas. Pola súa banda, a Aula Valladolid continúa invicto esta tempada, compartindo liderado co Elxe.
As xogadoras de Cristina Cabeza buscarán romper a serie da Aula e estrearse gañando fóra de casa, prolongando así as boas sensacións que trasladaron no último encontro fronte ao Oviedo. A adestradora madrileña poderá contar con todas salvo a eslovena Blazka Hauptman, que padece unha pequena rotura muscular.
Cristina Cifuentes: “É importante que fagamos un partido moi correcto se queremos levarnos os dous puntos”
A pivote valisoletana Cristina Cifuentes, enfróntase mañá ao equipo da súa terra. “Teño ganas de volver a Huerta del Rey, un pavillón que significou moito para min, e de xogar en contra das que foron as miñas compañeiras durante moitos anos”, afirmou.
Ao seu xuízo, “vai ser un partido bastante complicado. Elas alí fanse moi fortes e a afección vai empuxar moito”. Así mesmo, resalta que “é importante que empecemos a ter unha dinámica positiva nos partidos de fóra, máis que nada, porque non podemos estar soamente vivindo dos puntos que logremos aquí na Sangriña,”. Nas súas palabras, “temos que estar duras en defensa e tentar ter menos fallos en ataque. É importante que fagamos un partido moi correcto se queremos levarnos os dous puntos”.
Cifuentes afirma: “Estamos a adestrar bastante ben, serias, tentando mellorar cousas que nos fallaron noutros partidos e seguimos na dinámica de integrar a xogadoras que chegaron máis tarde”.
A pivote espera “con moita ilusión e moitas ganas podernos levar os dous puntos de Valladolid. Oxalá tamén vaia nosa afección alí e sexa un partido bonito de ver”.
AXENDA
Liga Guerreiras Iberdrola
Xornada 5
Caja Rural Aula Valladolid - Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 30 de setembro, ás 16:30 horas, no Pavillón Huerta del Rey
Ningún comentario:
Publicar un comentario