29 de set. de 2023

A GUARDA

O IES A Sangriña por Europa 

O alumnado dos ciclos formativos de Informática, de Administración e Xestión, e de Secundaria, están aprendendo sobre as distintas culturas dos seus correspondentes alemáns, italianos ou turcos


Escolares e profesores das delegacións visitantes, nun momento da súa visita ao porto pesqueiro de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O IES A Sangriña está a participar nun programa Erasmus + KA210 denominado Digilinc. Trátase dun proxecto internacional de inclusión social que tamén pretende protexer a nosa lingua i expresións culturais por medio da dixitalización. O programa, que foi aprobado pola Unión Europea de xeito meritorio, reúne a diferentes institucións educativas colaboradoras: o Käthe-Kollwitz - Berufskolleg, de Hagen (Alemaña); o I.I.S. Alberti (Italia); o Falez Mesleki ve Teknil Anadolu Lisesi, de Antalya (Turquía), e o propio IES A Sangriña, de A Guarda.   

 O alumnado dos ciclos formativos de Informática, de Administración e Xestión, e de Secundaria, están a aprender sobre as distintas culturas dos seus correspondentes alemáns, italianos ou turcos. Durante esta semana acollénos nos seus fogares e comparten con eles unha serie de actividades lingüísticas (presentacións, vídeos, xogos de pistas) e visitas culturais a empresas e a espazos da nosa contorna (visitas guiadas polo casco vello da vila e porto pesqueiro de A Guarda, sendeirismo polos Muíños do Folón e do Picón, paseo en batiscafo pola ría de Arousa ou a propia visita á catedral de Santiago de Compostela).   

 Pero as actividades realizadas non terían o mesmo carácter sen a axuda e colaboración dos membros de organizacións locais, como a Asociación Avelaíña, a residencia Monte Santa Tecla, a adega Terras Gauda ou o Concello de A Guarda.  

  Dese xeito, as delegacións tiveron o privilexio de explorar a beleza do Baixo Miño mediante visitas guiadas, rutas de sendeirismo e outras atractivas iniciativas, todo grazas ao apoio do Concello de A Guarda. 

 Ademais, a experiencia enriqueceuse coa colaboración desinteresada de Terras Gauda, unha adega de recoñecemento internacional, que abriulles as portas das súas instalacións e os seus viñedos, para desfrutar dunha experiencia única de degustación e dunha fascinante radiografía do mundo do viño. 

 O máis especial da semana veu da man de Avelaíña, xa que os agasallos para os visitantes foron deseñados polos talentosos usuarios desa asociación, persoas con necesidades especiais que deixaron unha pegada inesquecible nos visitantes.   

 Este itinerario en A Guarda representa a segunda mobilidade das catro que inclúe o programa, tras a visita a Antalya no pasado mes de maio, e terá a súa continuación a vindeira primaveira en Alemaña e o próximo outono en Italia, con máis proxectos e actividades. Todo iso, co propósito de que o respecto e a inclusión sexan fíos condutores no diálogo cultural e na loita por un mundo sen fronteiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario