29 de set. de 2023

O ROSAL

O Rosal avanza na implementación da Axenda 2030  

 O Concello comezou a elaborar un plan estratéxico que permita a localización, implementación e seguemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no municipio  

 O proxecto contará coa colaboración do tecido asociativo, económico e social rosaleiro   


Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Concello do Rosal, con Beatriz Rodríguez Alfonso, concelleira de Medio Ambiente, Benestar Social, Igualdade, Voluntariado, Montes e augas, na Praza do Calvario

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal mantén un firme compromiso por implementar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no municipio, adaptando as metas á realidade local. Para conseguilo, xa comezou a traballar na elaboración dun plan estratéxico que permita a localización, implementación e seguemento dos ODS da Axenda 2030, pasos que se van a dar da man do tecido asociativo, económico e social rosaleiro. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a involucrarse no proceso participativo que se porá en marcha como primeira fase deste proxecto, “unha primeira parte na que recolleremos a información precisa para incorporar os elementos diferenciais do Rosal”.  

 Será unha diagnose participativa de situación que tome como punto de partida a realidade do territorio e as actuacións que xa se están realizando e fixar as bases sobre as que traballar para a elaboración dun Plan de Acción Local e deseñar políticas públicas cun enfoque máis integral para o desenvolvemento sostible a nivel social, económico e medioambiental.  

 “O resultado será unha ferramenta de planificación estratéxica coa que se poderán establecer liñas de actuación coas que incorporar os ODS, detallando os compromisos e medios a mobilizar e programando accións concretas para despregar a Axenda 2030 no noso concello”, explica a rexedora.  

 O Concello do Rosal leva anos traballando nesta liña, polo que este plan estratéxico “contribuirá a favorecer a loita contra o cambio climático e a transición cara a economías baixas en carbono, a eficiencia enerxética, a economía circular e a construción de sociedades máis xustas e igualitarias”.  

 Ao abeiro do proxecto tamén se levarán a cabo accións de sensibilización entre a veciñanza, estendendo os coñecementos da Axenda 2030 e os ODS e suscitando o interese entre a cidadanía. Porase en marcha tamén un grupo de traballo con representantes a nivel político e técnico que se irá abrindo a outros actores locais a medida que a iniciativa avance, establecendo sinerxías e reforzando alianzas. 

 A posta en marcha deste plan conta coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais. 

 A Axenda 2030 distribúese en 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que van dende o fin da pobreza á loita contra o cambio climático, pasando pola igualdade de xénero, a educación ou a saúde. Estes obxectivos divídense en 169 metas que representan todos os aspectos que a gran maioría dos países do mundo acordaron que é necesario mellorar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario