18 de xul. de 2023

O ROSAL

O Rosal celebra as Festas de Verán do Pilar 2023 cunha decena de actividades para todos os públicos  

Haberá música, espectáculos infantís, deporte e moito máis do 22 ao 25 de xullo na Praza do Calvario  




Infogauda / O Rosal

 O Rosal vai celebrar un ano máis as tradicionais Festas de Verán do Pilar 2023 cunha ampla programación cultural con actividades e entretemento de balde para todos os públicos. Do 22 ao 25 de xullo, a Praza do Calvario converterase no escenario perfecto para acoller deporte, música, espectáculos infantís e moito lecer para desfrutar tamén en familia. 

 A programación da festa comezará o día 22 cun dos seus pratos fortes, coa actuación dunha das grandes voces galegas como é Uxía Senlle, a dúo co cantautor gaditano Javier Ruibal. Ás 22.00 horas, esta parella artística presentarán ao público o seu disco conxunto, ‘De tu casa a la mía’, no que musican poemas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca.  

 Ao día seguinte, o domingo 23, será a quenda do espectáculo infantil ‘Pinga a pinga’, a cargo da compañía Barafunda Animación. Ás 19.30 horas a rapazada poderá gozar deste espectáculo de concienciación no que nenos e nenas aprenderán dun xeito divertido e entretido como facer un bo uso da auga. A seguir, ás 21.00 h, á veciñanza rosaleira e visitantes desfrutarán da actuación de Helen & Shanna, un cuarteto galego que fai música na que fusionan sons e culturas, creando paisaxes coloridas cargadas de sentimentos.  




 O día 24 a programación estará protagonizada polo xa tradicional Festival Xente Xida, que celebra xa a súa quinta edición. Nesta ocasión, a partir das 21.00 horas, o público poderá achegarse á música tradicional da man de grupo tan significativos como A Requinta da Laxeira e Os Melidaos, acompañados sempre polo Trebón dos Xidos. Tamén, como todos os anos, o festival estará acompañado pola boa gastronomía con porco ao espeto e, como novidade, con filloas. 

 Xa o martes 25 a xornada comezará coa misa cantada pola Coral Ecos do Folón ás 12.00 horas, na que tamén participará a Banda da Agrupación Musical do Rosal. 




 Pola tarde comezarán as actividades do IV Torneo de Xadrez Concello do Rosal, organizado polo Clube de Xadrez Albatros.  Tanxarina tamén estará ás 18.30 h na Praza do Calvario co seu ‘Trogloditas na rúa’, un espectáculo dirixido a público infantil que se desenvolverá nunha carpa con aforo limitado a 50 persoas, polo que aquelas interesadas en participar deberán inscribirse de forma previa a través da web do Concello. Esta actividade está recomendada para nenos e nenas de máis de 4 anos e recoméndase que os máis cativos e cativas vaian acompañados dun adulto. 

 



 Ás 20.30 horas terá lugar o XXVIII Encontro dos Pobos, o festival folclórico internacional máis veterano da comarca organizado pola Asociación O Lusco e Fusco. O público poderá desfrutar do intercambio cultural dos grupos de baile tradicional Vento Mareiro e Do Lusco ó Fusco, de A Guarda, e Bychlewianka, de Polonia.  

 O broche de ouro ás Festas de Verán do Pilar 2023 porao a Banda da Agrupación Musical do Rosal, que ás 22.00 horas ten programado un concerto no que, acompañando á soprano Ana San Martín e ao tenor Enrique Martínez, farán un percorrido polos mellores musicais de Broadway.  

 Dende o Concello quere agradecerse “a gran colaboración e implicación de todas as asociacións que participan na organización desta ampla programación, que nos permiten traballar man a man para poder desfrutar un ano máis das nosas tradicionais Festas de Verán do Pilar”, como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora convida a toda a veciñanza a participar nestes catro días de festa cunha intensa programación de balde para todos os gustos e todas as idades.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario