Maica Larriba coordina os dispositivos de seguridade para as Festas da Anunciada, de Baiona, e para as Festas do Monte Santa Trega, de A Guarda
A subdelegada anunciou o reforzo da vixilancia policial durante o verán nestes municipios debido á súa gran afluencia turística
· As infraccións penais se reducíronse no que vai de ano nun 10% en Baiona e nun 32,4% na Guarda
Fotos: S. de G.
Infogauda / Baiona / A Guarda
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba presidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade dos Concellos de Baiona e da Guarda, xunto aos seus alcaldes, Jesús Vázquez Almuiña e Roberto José Álvarez Carrero, respectivamente. Tamén asistiron aos encontros o coronel xefe provincial da Garda Civil, Simón Venzal, e outros responsables do corpo, así como da Policía Local e da seguridade municipal de ambos concellos.
O tema principal das xuntas tivo relación coa celebración das súas tradicionais festividades de verán, no caso de Baiona as Festas da Anunciada, que se celebrarán os días 4, 5 e 6 de agosto e, no caso da Guarda, as Festas do Monte Santa Trega, entre o 7 e o 15 do mes que vén.
En Baiona, as accións que se van levar a cabo por parte dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado pasan pola posta en marcha de controis nos accesos á vila de alcoholemia e drogas que sirvan de prevención pola posible falta de responsabilidade dalgúns condutores. Ademais, servirán de apoio aos axentes da Policía Local, garantindo o bo desenvolvemento das actividades festivas. No encontro a subdelegada do Goberno tamén anunciou o reforzo da vixilancia policial durante o verán neste municipio debido á súa gran afluencia turística. Así mesmo, Maica Larriba sinalou que Baiona “é un concello moi seguro e tranquilo a pesar do seu dinamismo, sobre todo nestes meses, como exemplifica a caída dun 10% das infraccións penais no que vai de ano”.
Na Guarda Maica Larriba supervisou os operativos necesarios para o bo desenvolvemento das multitudinarias Festas do Monte Santa Trega, que pasan por establecer unha ampla coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil para garantir a seguridade. Entre as accións que se van levar a cabo, reforzaranse as patrullas para garantir a seguridade cidadá e a Garda Civil de Tráfico activará controis de circulación móbiles e aleatorios nos principais accesos e saídas da localidade, dispoñendo de varias patrullas para a realización de controis de alcoholemia e drogas.
Doutra banda, na Xunta de Seguridade analizáronse as cifras de infraccións penais rexistradas ao longo dos seis primeiros meses do ano neste concello, que destacan, como informou a subdelegada, por unha baixada dun 32,45%, un descenso moi importante que sitúa o municipio en niveis incluso inferiores aos rexistrados en 2019.


Ningún comentario:
Publicar un comentario