19 de xul. de 2023

A GUARDA

O auditorio san Bieito, acollerá o gran espectáculo Orquestra de malabares 

• O sábado día 29 de xullo, ás 20:30 h.

A Agrupación Musical de A Guarda e a compañía de circo Pistacatro aúnan as súas forzas para ofertar esta peza única á par que divertida  




Infogauda / A Guarda

 O sábado día 29 de xullo ás 20:30h., o auditorio de san Bieito acollerá unha das grandes citas culturais deste verán: Orquestra de malabares

 Un concerto onde os malabares serán os bailaríns dun ballet aéreo, ao ritmo dos clarinetes, saxos e trompetas da Agrupación Musical de A Guarda, que farán de pintores dun cadro expresionista no que as bolas, mazas e aros debuxarán no ar os sentimentos e emocións que transmiten a música e o circo.  

 Os compoñentes da banda de música da Agrupación Musical de A Guarda participarán case como actores, dun espectáculo teatral tocando temas e estilos fora do común, cun repertorio concibido e ensaiado para esta ocasión. Con instrumentos dourados, grandes tambores, pratillos, camisas brancas, uniformes e maxistrais obras, clásicas; mais tamén de pantalóns curtos, camisetas, gafas de sol, funk, blues, pop e punk. Dous mundos que parecen antagónicos, pero que como veremos combinan á perfección.  

 Concebido pola prestixiosa compañía de circo Pistacatro, o espectáculo Orquestra de malabares é na actualidade un dos proxectos máis orixinais e suxerentes no eido escénico en Galicia. Está ideado para poder ser desfrutado por público de tódalas idades, albergando un especial valor familiar e educativo debido ó contido pedagóxico que inspira todo o proxecto. Sen dúbida a emoción e a diversión están garantidas para que crianzas, adultos e amantes da música pasen un bo rato.   

 Este espectáculo é financiado parcialmente con cargo ao programa Cultura no Camiño 2023, do AGADIC-Xunta de Galicia, e para facerse realidade precisou do traballo conxunto da compañía Pistacatro e a Agrupación Musical de A Guarda, que se remonta a principios de 2023. 

 Desde o Concello de A Guarda desexan "que este esforzo se vexa recompensado coa satisfacción do público asistente".

Ningún comentario:

Publicar un comentario