9 de xuño de 2023

VIGO

A federación de Servizos da CIG convoca unha manifestación en demanda de salarios dignos no sector do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra

Domingo 11 de xuño de 2023, ás 12:00 horas, dende Vía Norte até o farol de Urzaiz (Vigo).


Infogauda / Vigo

 A federación de Servizos da CIG convoca unha manifestación en demanda de salarios dignos no sector do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra ante o inmobilismo da patronal á hora de abordar esta cuestión nas negociacións do convenio. 

 A mobilización será este domingo 11 de xuño de 2023, ás 12:00 horas, dende Vía Norte até o farol de Urzaiz (Vigo).

 Dende a CIG-Servizos explican que a central sindical optou por convocar as protestas tras abordar co persoal do sector o estado das conversas co empresariado nas asembleas celebradas en Pontevedra e Vigo. “As traballadoras/es reclaman sobre todo un incremento salarial que permita recuperar a perda de poder adquisitivo, pero a patronal négase sequera a tratar este asunto na mesa de negociación”, denuncian. 

 De feito, tras sete xuntanzas entre a parte social e empresarial a cuestión económica aínda non foi abordada a pesar de que na quinta reunión a CIG propúxolle ao resto de centrais que o seguinte encontro se dedicase a este tema, “algo que aceptaron, mais a patronal opúxose”. 

 Por iso a central sindical iniciou cunha manifestación en Pontevedra o pasado venres día 2 un calendario de mobilizacións que continúa este domingo e que se prolongará no caso de que o empresariado non acceda a tratar a cuestión económica -unha das principais reivindicacións do persoal do sector- na xuntanza prevista para este martes día 13 de xuño. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario