Hoxe tomou posesión a nova corporación municipal e foi investido alcalde Enrique Cabaleiro
Enrique Cabaleiro - no centro - con todos os membros na nova corporación municipal do concello de Tui
Infogauda / Tui
A nova corporación municipal de Tui tomou posesión este mediodía no pleno celebrado no salón de sesións da casa do concello.
Enrique Cabaleiro, do PSdeG-PSOE, foi investido alcalde ao ser o candidato da lista máis votada o 28M.
A sesión comezou coa constitución da mesa de idade formada por José Martínez Tato e Pilar Gregores. A continuación e tras comprobar as credenciais tomaron posesión cada un dos concelleiros e concelleiras que xuraron ou prometeron o seu cargo.
De seguida procedeuse a votación de alcalde en sobre pechado e depositando o voto na urna establecida para este fin. Houbo 6 votos a favor de Enrique Cabaleiro, 6 de Nicolás Lorenzo Montes, 1 de José Manuel Palacín e 4 votos en Blanco, resultando elexido o candidato á alcaldía da lista máis votada nas eleccións municipais do 28 de maio, que foi a do PSdeG-PSOE.
Tras tomar posesión coma alcalde Enrique Cabaleiro tomou a palabra recordando aos "servidores públicos que en momentos especialmente difíciles serviron a este concello" recordou así e fixo unha homenaxe aos alcaldes que ocuparon o cargo de forma democrática dende 1812 mencionando a Francisco Rodríguez Caballero, Alejo Diz Jurado, Benito Pérez, José Garda, e Guillermo Vicente de Santiago, e referiuse tamén ao primeiro alcalde de Tui tras a aprobación da Constitución, Ángel Álvarez Durán.
O salón de plenos estivo ateigado de persoas que quixeron presenciar en directo esta toma de posesión, entre eles moitos membros das diferentes candidaturas que se presentaron ás eleccións. Nas primeiras filas estiveron os ex alcaldes de Tui, Miguel Angel Capón Rey e Moisés Rodríguez, e o presidente da Cámara Munivcipal de Valença do Minho, José Manuel Vaz Carpinteira.
Conforman a nova corporación municipal de Tui Enrique Cabaleiro González, Rafael Estévez Martínez, Mª Sonsoles Vicente Solla, Ana María Nuñez Álvarez, Miguel Mendez Moreira e Ismael Diz Garrido, do PSdeG-PSOE; Nicolás Lorenzo Montes, María Dolores Soto Vilasuso, Dolores Múñiz Sanín, Anabel Solla Mas, Marcelino Enrique Cendón Vázquez e Pilar Gregores Álvarez, do Partido Popular; María del Carmen Núñez Méndez, Ángela María Estévez González, Xosué Campos Lages e Xosé Martínez Tato, do BNG; e José Manuel Palacín Rodríguez, de Converxencia 21.

Ningún comentario:
Publicar un comentario