6 de xuño de 2023

TOMIÑO

Tomiño súmase ao ‘apagón’ para concienciar sobre o cambio climático  

A Casa do Concello apagou este luns as súas luces para sumarse á acción convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no Día do Medio Ambiente  


Dende ás 23.00 horas, o Concello suspendeu a iluminación pública na Casa Consistorial e a Praza do Seixo
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Tomiño uniuse este luns 5 ao ‘apagón’ convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Dende ás 23.00 horas, o Concello suspendeu a iluminación pública na Casa Consistorial e a Praza do Seixo para concienciar sobre o consumo de enerxía. Trátase dunha acción encadrada no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.  

 Aínda que en Galicia o consumo eléctrico se mantivo estable en 2021, segue a ser un tema preocupante na actualidade polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que se deba continuar fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción.  

 O apagón ambiental proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’, que van desde accións de rúa como a comunicación de guerrilla na que tamén participa Tomiño ata obradoiros de cociña sostible, debuxo urbano, exposicións virtuais, concursos... O proxecto ‘People and Planet’ (en galego, Persoas e Planeta) ten por obxectivo concienciar a mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario