5 de xuño de 2023

PONTEVEDRA

A subdelegación do Goberno gardou un minuto de silencio en repulsa contra o asasinato machista de Ana Vanessa Serén, asasinada pola súa exparella en Oia  

Maica Larriba amosa a súa repulsa polo último asasinato machista e lembra a todas as mulleres da provincia que non están soas  

 A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá un minuto de silencio pola última vítima da violencia machista 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o minuto de silencio convocado ás portas da Subdelegación do Goberno en lembranza da última vítima da violencia machista, Ana Vanessa Serén

Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o minuto de silencio convocado ás portas da Subdelegación do Goberno en lembranza da última vítima da violencia machista, Ana Vanessa Serén, asasinada pola súa exparella na localidade de Oia e que vén de ser recoñecida oficialmente como vítima de violencia de xénero. Ao acto tamén asistiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o coronel-xefe da Comandancia da Garda Civil na provincia de Pontevedra, Simón Venzal. 

 A subdelegada anunciou que Ana Vanessa Serén converteuse na vítima de violencia de xénero número 21 deste ano 2023 en todo o territorio nacional, e na segunda vítima galega no que vai de ano. Desde o 2003, cando se comezou a recompilar datos, xa son 1.205 as mulleres asasinadas por violencia de xénero. 

 Tal e como explicou a subdelegada, esta muller de 44 anos, denunciara a súa exparella, que fora condenado por violencia de xénero e tiña unha orde de afastamento e incomunicación coa vítima. Seguindo os protocolos vixente para os casos de violencia de xénero, neste caso de risco medio, a vítima estaba a ser atendida polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que realizaron un total de 56 actuacións -accións de comunicación como entrevistas e chamadas, etc.- tras a condena a súa exparella. Maica Larriba aclarou tamén que non hai constancia de ningún quebrantamento das ordes de afastamento e incomunicación por parte do asasino e que a arma de fogo empregada por este non consta nos rexistros das Forzas e Corpos de Seguridade nin españois nin portugueses, “analizados por causa da proximidade da localidade ao país veciño”.  

 Por último, Maica Larriba expresou a súa conmoción e total repulsa deste asasinato e lamentouse porque “unha vez máis a violencia machista acaba coa vida dunha muller”. Larriba quixo tamén trasladar todo o seu apoio a familiares e amizades.  

 A subdelegada manifestou, así mesmo, que a violencia machista é “unha lacra que asasina as mulleres e que tanto as Administracións como a sociedade están empeñada na súa erradicación”. Neste sentido, quixo lembrar a todas as mulleres da provincia que “non están soas, xa que todas as mulleres e todos os homes de ben estamos con elas”. 

 O Ministerio de Igualdade, por medio da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, ten  a disposición da cidadanía o teléfono 016, as consultas en liña a través do email 016-online@igualdad.gob.es e a canle do  WhatsApp no número 600 000 016, que funcionan as 24 horas, todos os días da semana. No 016 pódese pedir asesoramento sobre os recursos dispoñibles e os dereitos das vítimas de violencia de xénero, así como asesoramento xurídico de 8 a 22 horas todos os días da semana, con atención en 52 idiomas e un servizo adaptado a posibles situacións de discapacidade.  

 Así mesmo, nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). No caso de que non sexa posible realizar unha chamada e ante unha situación de perigo, pódese utilizar a aplicación  ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á policía con xeolocalización. Estes medios de asistencia poden ser activados pola vítima e tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario