"Un neno na emigración" de Francisco Álvarez-Koki. Empatía e amor pola terra
Marisol Diz*
"Un neno na emigración” é un conto infantil escrito en tres idiomas: galego, castelán e inglés. O seu protagonista, Breogán, é un neno de tres anos que naceu en Galicia e que, por circunstancias da vida acabará vivindo en Nova York, onde terá que adaptarse a un novo lugar e a novos amigos, cada un dun país distinto. Nese periplo vivirá experiencias novas pero tamén lembrará con morriña a súa vida xunto aos seus avós en Galicia, coas vacas, os porcos e as ovellas.
O conto presenta unha realidade da terra galega onde moitas persoas tiveron que emigrar a outras terras en busca dun futuro mellor. Ás veces esta realidade preséntase como dolorosa. Con todo, a pesar dos recordos, Breogán é un neno feliz que non esquece as súas orixes e quere conservalos e á vez está encantado de descubrir novos amigos, novas realidades que enriquecen a súa vida.
Breogán nunca esquece chamar aos seus avós por teléfono e fálalles en galego porque non quere que lle ocorra o mesmo que a outros nenos que o esqueceron e agora resúltalles difícil comunicarse coa súa familia. Os avós cóntanlle a Breogán anécdotas da súa terra de orixe e así lembra como é alí a vida. El cóntalles que está contento porque vai visitar un zoolóxico e alí descubrirá moitos animais diferentes aos que xa coñecía. A Breogán gústalle mirar fotos e lembrar as visitas que facía cos seus pais por diversas cidades e pobos de onde garda recordos.
Breogán quere un can e considera que é mellor adoptar que comprar. Ao seu novo amigo cóntalle a experiencia cos animais que Breogán ve nunha visita ao zoolóxico de Manhattan coma se lle entendera.
Acompañar a Breogán nas súas novas aventuras e recordos é como viaxar con el e talvez descubramos cousas que non coñecemos e outras que lembramos dunha forma diferente. Descubriremos os seus soños, aventuras, e afeccións.
“Un neno na emigración” é un conto que transmite a importancia de coñecer varias linguas e respectalas porque nos enriquece, conservar as raíces no recordo porque son a base das nosas orixes, adoptar unha actitude positiva ante un cambio tan importante como irse tan lonxe a comezar unha nova vida.
O conto está ilustrado por Marta Iglesias cunha técnica que resulta próxima ou familiar para os nenos porque se parece ao estilo de debuxos que fan. O estilo do debuxo permite empatizar mellor con Breogán.
O texto escrito en tres idiomas, galego, castelán e inglés está impreso en tres columnas e tres cores diferentes. Isto permite unha lectura diferenciada e á vez practicar os tres idiomas. O estilo narrativo transmite moita calidez. Nótase que o autor escribe unha historia que está baseada nunha experiencia persoal que el viviu. Por iso resulta máis crible e fácil empatizar coas historias que nos conta Breogán.
Autor: Francisco Álvarez "Koki"
Ilustradora: Marta Iglesias
Editorial: Fervenza ISBN: 978-84-17094-30-0
Dimensións: 22 x 22 cm.
Páxinas: 40
* Bibliotecaria da Guarda

Ningún comentario:
Publicar un comentario