A beleza do pobo da Guarda é o escenario elixido para a gravación do emocionante videoclip "Canción do mariñeiro"
Poesía, música tradicional e navegación, ingredientes da homenaxe ao poeta rosalés Manuel da Ventosela
Redacción / A Guarda
"Canción do mariñeiro", obra audiovisual que fusiona poesía, música tradicional e paisaxes mariñas, rende homenaxe ao poeta rosalés Manuel Álvarez Rivero (Manuel da Ventosela) e é interpretada polo grupo Lirolai, do Rosal. A canción dirixida por Celso Diego Martínez, gravouse tanto dentro como fora do porto, en alta mar, capturando a esencia da vida marítima e a riqueza cultural da rexión.
Para esta produción, o grupo contou coa valiosa colaboración da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, cuxos membros foron os encargados de proporcionar o volanteiro, unha fermosa embarcación que navegou ao longo da plataforma continental do suroeste galego.
A produción do videoclip estivo a cargo de "Chile estudo", baixo a dirección do talentoso guardés Alejo Rodríguez, quen expresou a súa gran ilusión por levar a cabo este proxecto no seu propio pobo. A utilización de tomas desde dentro do barco e planos exteriores, incluíndo impresionantes imaxes aéreas capturadas por drons, prometen un resultado visualmente impactante e evocador.
O videoclip "Canción do mariñeiro" non só honra a poesía de Manuel da Ventosela (O Rosal, 29 de marzo de 1907 - 7 de novembro do 1944), senón que tamén celebra a música tradicional e resalta a conexión ancestral entre os habitantes da costa e o mar.
Pronto se darán a coñecer máis detalles sobre a data de lanzamento do videoclip, así como sobre as plataformas onde estará dispoñible para que o público poida gozalo e mergullarse na maxia da canción mariñeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario