17 de xuño de 2023

A CORUÑA

Máis de 300 persoas puxeron en valor o traballo do movemento asociativo de saúde mental en Galicia  

Nun encontro que se celebrou o sábado 17 de xuño na Cidade da Cultura, déronse cita familiares, persoas usuarias e traballadoras das asociacións que conforman Saúde Mental FEAFES Galicia, cunha inauguración a cargo do Conselleiro de Sanidade,  Julio García Comesaña. 





Ana Escrigas Rodríguez / A Coruña

 Este sábado 17 de xuño, a Cidade da Cultura congregou a máis de 300 persoas no Encontro do Movemento Asociativo organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia. Esta federación, que conta con 28 anos de traxectoria, congrega a 12 asociacións que teñen presenza en máis de 30 localidades galegas. 

 As entidades que conforman o movemento asociativo levan décadas traballando na defensa dos dereitos e a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias. Neste encontro puxeron en valor o traballo que se realiza en favor da autonomía e a integración social destas persoas, logrando ao longo deste tempo poñer en marcha múltiples dispositivos, proxectos e recursos que dan resposta ás necesidades que tiña o colectivo e que non estaban cubertas.  

 Entre as máis de 300 persoas que asistiron ao evento houbo familiares, persoas con problemas de saúde mental e traballadoras das entidades participantes. O acto de benvida correu da man de Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, que estivo acompañado pola Xefa do Servizo de Saúde Mental do SERGAS, María Tajes Alonso, e o Director Xeral de Inclusión, Arturo Parrado Puente. Interveu tamén Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde mental FEAFES Galicia. 

 Conducido pola actriz e monologuista Lucía Veiga, o acto continuou cunha mesa redonda sobre saúde mental e autonomía na que interviñeron familiares e profesionais da saúde mental. A continuación realizouse a entrega de premios do concurso de fotografía “Fai zoom á túa saúde mental”, para rematar cunha actuación de impro da man do dúo cómico Izquierdo Sisters. O evento concluíu cunha comida de convivencia. 

Unha realidade cunha alta prevalencia 

 Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. En Galicia, segundo o censo de persoas con discapacidade da Consellería de Política Social, no 2021 había 64.315 persoas con problemas de saúde mental, sendo esta a segunda causa de discapacidade máis frecuente despois da física.  

 O movemento asociativo de saúde mental integrado en Saúde Mental FEAFES Galicia loita pola plena inclusión das persoas con problemas de saúde mental na sociedade a todos os niveis: asistencia sanitaria, recursos sociais, inserción laboral, educación, cultura, imaxe pública, etc. Defende que a axeitada atención social e sanitaria para o colectivo debe darse dentro do ámbito comunitario, nun entorno normalizado da sociedade e con recursos de apoio efectivos e adaptados ás súas circunstancias. 

Partindo de cero: décadas de traballo pola saúde mental 

 Dende o nacemento da federación Saúde Mental FEAFES Galicia en 1995, o movemento asociativo logrou ofrecer apoio e atender a máis de 10.000 persoas con problemas de saúde mental, familiares e persoas achegadas.  

 Antes de que existisen as asociacións de saúde mental, as persoas que tiñan un diagnóstico psiquiátrico carecían dunha atención específica, estaban abandonadas. Por iso, o grande logro do movemento asociativo foi abrir portas que estaban pechadas e crear recursos de apoio que no seu momento resultaban impensables, partindo de cero.  

 Ao longo deste tempo, aportouse ao colectivo escoita, apoio mutuo e a perspectiva dun futuro máis digno, demostrando que cos apoios necesarios, a situación das persoas con problemas de saúde mental mellora radicalmente. Do mesmo xeito, logrouse camiñar cara unha percepción social máis normalizada, rompendo estereotipos e ideas erróneas sobre as persoas con problemas de saúde mental. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario