A CIG afianza a súa posición como primeira forza sindical entre os traballadores/as do Concello de Redondela
Obtivo 4 representantes no comité de empresa e 2 na xunta de persoal
Infogauda / Redondela
A CIG vén de afianzar a súa posición como primeira forza sindical no Concello de Redondela ao obter 4 delegados/as no comité de empresa e 2 na xunta de persoal nas eleccións celebradas recentemente. Na central valoran o feito de que estes resultados veñan a avalar o traballo desenvolvido os últimos catro anos polos seus representantes á fronte dos dous órganos de representación dos traballadores/as.
No proceso que tivo lugar o pasado 23 de maio a CIG logrou mellorar os excelentes resultados que xa obtivera en 2019, permitíndolle presidir posteriormente o comité de empresa e a xunta de persoal. Nesta ocasión aumentou tanto o número de votos como de delegados/as.
Nas eleccións para escoller a composición do comité, integrado polo persoal laboral, a central obtivo 2 delegados/as no colexio de especialistas ao sumar 24 votos dos 61 votos emitidos (dun censo total de 67), mentres que CCOO se fixo con 3 representantes (26 votos) e UGT con 1 (10 apoios). Tamén se contabilizou un voto en branco. O persoal técnico e administrativo optou masivamente pola CIG, logrando tamén 2 delegados/as ao sumar 15 papeletas das 27 emitidas (dun censo total de 39). A UGT, pola súa banda, conseguiu 1 representante grazas aos 4 votos colleitados, mentres que o CSIF quedou sen representación a pesar de contabilizar tamén 4 apoios (xa que a UGT contaba co delegado de maior antigüidade).
Na xunta de persoal -órgano de representación do persoal funcionario- a central sumou outros/as 2 delegados/as con 25 votos, CSIF fíxose tamén con 2 (31 apoios) e UGT con 1 (10 votos). Do censo total de 81 persoas exerceron o seu dereito ao voto 70, rexistrándose 2 papeletas en branco e 2 nulas.
Resultados que avalan o traballo realizado
Dende a representación da CIG no Concello de Redondela salientan o feito de que os resultados colleitados avalan o traballo realizado pola central sindical no comité de empresa e na xunta de persoal dende que ostenta a presidencia dos dous órganos de representación dos traballadores/as municipais.
Neste senso, lembran que “foi o noso sindicato quen levou adiante con maior forza a iniciativa para acadar distintas melloras” e fan fincapé en que a súa práctica sindical baséase en “non mirar polo corporativismo de determinados departamentos, posición que nos custou insultos en propaganda anónima pero facilmente identificábel”.
Ao contrario, a traxectoria da CIG no Concello evidencia que primeiro defende o colectivo e as necesidades urxentes de cada departamento. “Aquí todo o mundo sabe quen son os delegados/as da CIG: o seu compromiso, implicación, presenza e dispoñibilidade explícao; tratamos de resolver calquera dúbida, presionar ante as demandas xustas e atender o día a día das cuestións laborais de cada departamento”.
Finalmente, poñen en valor tamén o traballo feito dende o Comité de Seguridade e Saúde. “Avaliamos, canda o técnico de prevención, todos os postos de traballo e presentamos as melloras ante o Goberno local. E colaboramos de maneira activa no período covid mirando polos medios necesarios para o persoal”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario