A CIG faise coa maioría absoluta no comité de Amazon no Porriño a primeira vez que se escolle representación
A central obtivo 4 dos 5 delegados/as no comité de empresa
Infogauda / O Porriño
A FGAMT-CIG fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na central loxística e de distribución que Amazon ten no polígono porriñés da Granxa ao lograr 4 dos 5 delegados/as do comité de empresa a primeira vez que se escolle representación.
No proceso que tivo lugar recentemente no centro de traballo porriñés de Amazon a central sindical colleitou 60 votos do total de 83 emitidos (dun censo de 96 persoas), mentres que un sindicato independente, o único que foi quen de presentar candidatura ademais da CIG, sumou unicamente 12 apoios. Tamén se contabilizaron 7 votos en branco e 4 nulos Deste xeito, a central nacionalista contará con 4 delegados/as no comité, por 1 do sindicato independente.
Dende a FGAMT-CIG valoran moi positivamente este resultado, tendo en conta ademais que é a primeira vez que se escolle representación sindical nun centro de Amazon en Galiza (a outra plataforma de reparto atópase na Coruña). Por iso agradecen o apoio masivo do cadro de persoal e amosan a súa disposición a defender os dereitos laborais e a reclamar melloras das condicións de traballo para o conxunto dos empregado/as de Amazon.
Ningún comentario:
Publicar un comentario