Oia celebrará este domingo o curro da Valga
Infogauda / Oia
A tempada de curros galegos comeza esta fin de semana en Oia, co da Valga (Loureza), que se celebrará este domingo 14 de maio. A actividade comezará desde primeira hora da mañá e prolongarase ao longo da xornada, sendo o momento central da xornada (tarefas de rapa e marcado) arredor das 17.00 horas.
En total, estímase que no curro deste ano haberá uns 350 cabalos. Segundo marca a tradición, a xornada transcurrirá con actividade desde a primeira hora da mañá e ata a tarde. A partir das 9.00 horas os gandeiros comezarán a xuntar as bestas e estímase que a chegada dos cabalos ao recinto da Valga se producirá arredor as 13.00 horas. Xa pola tarde, sobre as 17.00 horas, terán lugar as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.
O curro da Valga transcorrerá no seu habitual ambiente festivo, de forma que as persoas que se acheguen ata o lugar poderán gozar dunha xornada que combina celebración e tradición arredor do cabalo da Groba.
Despois do da Valga, que abre a tempada, en Oia desenvolveranse os curros de Torroña (4 de xuño) e Mougás (11 de xuño).
O Concello lembra que ten colgada na súa canle de YouTube un documental sobre os tres curros que se celebran no municipio. Pódese acceder ao vídeo premendo nesta ligazón.
Avisos sobre medio ambiente e acampadas:
En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.
Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario