15 de maio de 2023

O ROSAL

O famoso bandoleiro galego Toribio de Mañón chega ao Rosal da man de Viravolta  

 A compañía de monicreques ofrecerá un espectáculo infantil de balde este sábado 20 (12 h) ao abeiro do programa Primavera na Praza 

 


Infogauda / O Rosal

 A Praza do Calvario prepárase para acoller un novo espectáculo ao abeiro do Primavera na Praza, un programa co que empregar a cultura non só como actividade de lecer para a veciñanza, senón tamén como forma de convivencia e de encontro social para desfrutar do Rosal. A vindeira actividade será este sábado 20 de maio, cun novo espectáculo de balde dirixido a público a partir das 12.00 horas. 

 Os monicreques tomarán a praza da man da compañía Viravolta, que recreará con formas do teatro popular as andanzas que lle deron fama a Mamede Casanova, máis coñecido como Toribio de Mañón, un famoso bandoleiro galego de principios do século XX. Unhas aventuras que o levaron a rematar cos seus ósos no cárcere e que inspiraron a Ramón María del Valle-Inclán para escribir a súa obra ‘Las galas del difunto’. 

 Viravolta Títeres é unha compañía creada en 1982 que ten participado en numerosos festivais, circuítos e feiras, como o Salón Internacional de Teatro Infantil ‘Generation Nos’, o Festival de Teatro de Ribadavia, o Festival Internacional de Monicreques de Santiago ou a Feira Internacional de Teatro de Monicreques de Lleida, entre outros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario