25 de maio de 2023

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

O CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA AUTORIZA O CONVENIO PARA O PROXECTO DE ABASTECEMENTO DE AUGA AO PICO SAN FRANCISCO, NO MONTE DE SANTA TREGA 

• O obxectivo do convenio é garantir o servizo constante de auga potable sanitaria nas edificacións e servizo situados neste enclave 

• Instalarase un bombeo no depósito base con tubaxe enterrada, para subir auga ao novo alxibe do pico San Francisco 


Vista do Pico de San Francisco desde O Facho, no Monte Santa Trega
Foto: Infogauda

Infogauda / Camposancos

 O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o proxecto de acordo que autoriza a subscrición do convenio de entre a Axencia Turismo de Galicia e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos para o proxecto de abastecemento de auga ao pico San Francisco no monte de Santa Trega, no concello de A Guarda, por importe total de preto de 360.000€. 

 O obxecto do convenio é garantir o servizo constante de auga potable sanitaria nas edificacións e servizo situados no pico San Francisco no monte de Santa Trega. Realizarase mediante a instalación dun bombeo no depósito base con tubaxe enterrada, para subir auga ao novo alxibe do pico San Francisco, onde se localizan un grupo centralizado de infraestruturas. 

 O trazado da tubaxe de abastecemento discorre pola ladeira sureste do Monte Santa Trega, unha parte por terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos e a maior parte por camiño público, sen asfaltar, do concello de A Guarda. 

 O Monte Santa Trega está situado no concello de A Guarda. Na súa cima atópase situado o castro de Santa Trega, declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931, e tendo a consideración de Ben de Interese Cultural. Debido á súa importancia histórica e enclave xeográfico, trátase do castro galego máis emblemático e visitado. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario