A Xunta de Galicia adxudica as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na estación depuradora de augas residuais de Tomiño
• Esta actuación, adxudicada por preto de 45.000 €, comprende a redacción do proxecto, dirección de obra e unha instalación fotovoltaica de 45 kWp para autoconsumo
• O obxectivo é garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión das instalacións e acadar unha importante redución de emisións de CO²
• Os traballos nas instalacións de Tomiño forman parte das actuacións para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais que xestiona Augas de Galicia
Infogauda / Tomiño
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na estación depuradora de augas residuais de Tomiño.
Esta intervención, adxudicada á empresa Inelsa Electricidad, S.L.U. por preto de 50.000 euros, comprende a redacción do proxecto técnico, dirección de obra, tramitación administrativa e execución dunha instalación fotovoltaica de 45 kWp para autoconsumo, nos terreos asociados á depuradora municipal, que xestiona a entidade hidráulica da Xunta.
Mediante este contrato a entidade Hidráulica da Xunta busca garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión da estación depuradora, ao tempo que acadar unha importante redución de emisións de CO² equivalente.
Estas intervencións contan con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 e do proxecto Aqualitrans II 1 E.
As obras nas instalacións de Tomiño súmanse ás que tamén se realizarán nas depuradoras dos concellos de Vilaboa e Nigrán, no concello lucense de Alfoz e no municipio coruñés de Ortigueira, xa adxudicadas, e que forman parte das actuacións que impulsa a Xunta para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais xestionadas por Augas de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario