31 de maio de 2023

A GUARDA

O monte Santa Trega amplía a oferta de visitas guiadas  

A novidade desta tempada é que non é preciso facer reserva previa para asistir as visitas. 




Infogauda / A Guarda 

  O Padroado Municipal Monte Santa Trega ofrece unha temporada máis, as visitas guiadas ao castro do monte Santa Trega para que os visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste singular enclave arqueolóxico. 

   Durante o verán de 2022 foron case 3.000, as persoas que realizaron a visita guiada e as que trasladaron que o xacemento arqueolóxico enténdese mellor grazas as explicacións do guía. Trala boa acollida da oferta de visitas guiadas do ano pasado, vanse repetir comezando xa no mes de xuño e rematando no mes de setembro.  

 Os meses de xuño e setembro adoitan ser datas preferentes para visitas guiadas concertadas para grupos e escolares polo que as visitas guiadas regulares nestes meses serán as fins de semana con dous horarios (12:00 e 17:00h).  Para os meses de maior afluencia, xullo e agosto, amplíase a oferta con visitas de martes a domingo e 4 quendas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00h). Deste xeito, os visitantes interesados terán a oportunidade de coñecela cultura castrexa e a nosa paisaxe.  

 Este ano as visitas guiadas volven a estar centradas no castro do monte Santa Trega, nas áreas escavadas dende o norte ao sur, pero sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT). 

 Para ofrecer unha visión máis ampla da zona escavada vaise realizar un percorrido completo dende porta norte recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos ata a zona coñecida como poboado de Mergelina, na ladeira orientada ao río Miño.  

 A novidade desta tempada é que non é preciso facer reserva previa para asistir as visitas. Tan só hai que estar a hora no punto de encontro. Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no teléfono 690 01 70 38 (tamén WhatsApp) ou un correo electrónico a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público establecido.  

 A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario