4 de abr. de 2023

VIGO

A CIG denuncia “deixadez de funcións” por parte do Sergas no conflito polo convenio colectivo de Povisa 

 O departamento autonómico non lle comunicou ao comité a apertura das negociacións para fixar os servizos mínimos da folga 


Persoal de Ribera Povisa, concentrado diante das instalacións do hospital vigués
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A representación da CIG no hospital vigués Ribera Povisa denuncia “deixadez de funcións” por parte do Sergas ao non terlle comunicado ao comité de empresa a apertura das negociacións para fixar os servizos mínimos con motivo da folga convocada polo bloqueo das negociacións do convenio colectivo.  

 Dende a CIG-Povisa lamentan que a Consellaría de Sanidade “actúe xa deste xeito cando aínda non comezaron as mobilizacións para reclamar un convenio digno, o que ratifica o que levamos tempo denunciando: que non lle interesan nin o máis mínimo as condicións laborais nas que presta servizo o persoal dun hospital que ten un concerto coa sanidade pública”. 

 Neste senso, explican que a dirección de Povisa púxose onte en contacto co comité de folga para sentarse a pactar os servizos mínimos, sen que o Sergas lle tivese antes comunicado á representación do persoal a apertura das negociación como é preceptivo, o q ue consideran “unha clara deixadez de funcións”. 

 No día de hoxe a empresa intentou de novo fixar a data da xuntanza, para o que esgrimiu un correo electrónico do Sergas no que se lle instaba a negociar e a chegar a un acordo sobre os servizos mínimos antes das 14:00 do vindeiro día 10. “Pero o comité de folga seguimos sen ter comunicación oficial por parte da Consellaría”, censuran. Con todo, adiantan que o próximo luns día 10 reuniranse coa empresa para abordar os servizos mínimos, mentres que a próxima xuntanza da comisión negociadora do convenio terá lugar este mércores día 5.

Ningún comentario:

Publicar un comentario