Do 4 ao 30 de abril
O MUSEO DO POBO GALEGO ACOLLE
A instalación participativa "Cartografías téxtiles"
• Proxecto Cartografías Téxtiles: organizado por APECV (Portugal).
• Coordinadoras do proxecto en Santiago de Compostela: María Jesús Agra, Cristina Trigo.
• Coa colaboración do Museo do Pobo Galego e a Facultade de Ciencias da Educación (USC).
Museo do Pobo Galego / Santiago de Compostela
Cartografías Téxtiles é un proxecto internacional de investigación-acción participativa que procura promover o estudo e o facer artístico con materiais e técnicas textís como o bordado (ou calquera outra) que se empregan aquí como elementos que favorecen a cohesión social, o activismo medioambiental e a relación coa identidade e o patrimonio.
O tema que propoñemos aquí é: “Dálle voz ao lugar” mediante o que convidamos a participar cosendo, bordando, debuxando... as vosas historias sobre as teas de xeito que con todos os cadrados vaiamos construíndo unha cartografía colectiva que amose a diversidade de voces e narrativas téxtiles e funcione como un chamamento colectivo contra os conflitos sociais e ambientais e polo futuro dos lugares e xa que logo, do planeta.
No Museo do Pobo Galego estará nas súas salas en forma de instalación participativa do 4 ao 30 de Abril. Se queredes formar parte e contribuir con algunha peza, podedes descargar as instruccións para participar premendo eiquí.
Cartografías Téxtiles é un proxecto internacional organizado polo Grupo de Investigación da Associação de Professores de Expressão e Comunicação Visual de Portugal (APECV) que pretende dar voz às comunidades e aos lugares a través de narrativas e técnicas téxtiles como o bordado, entre outras.
Tomando como eixo temático o obxectivo 16 de Desenvolvemento Sostible da axenda 2030 das Nacións Unidas que chama a promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas, os coordinadores e coordinadoras do proxecto nos diferentes países procuran colaboracións e convidan á cidadanía a participar na creación dun inmenso mosaico de tea a través do que facer un chamamento polo futuro do planeta, comezando polos lugares que conforman as nosas identidades, e contra os conflitos sociais e ambientais.
As persoas que participan cosendo a súa propia peza poden experimentar a cadencia contemplativa do bordado ou o tecido como proceso simbólico de activismo porque mediante este acto individual ou colectivo baseado en coser, bordar, unir pezas de tea nun cadrado de lenzo de 10cm x 10cm, reflexionamos sobre a relación ca contorna ao tempo que damos visibilidade ao téxtil, parte esencial da sociedade, do patrimonio e, en particular, da historia invisible das mulleres.
O medio ambiente necesítanos e precisamos explorar e imaxinar outros xeitos de ser, estar e vivir. Peza a peza vaise creando un inmenso mosaico -a modo de cartografía- que invita a pararse polos diferentes lugares, ollares e xeitos de facer e contar historias. Cada cadrado convértese así nunha acción de resistencia, de poética, de liberdade e experimentación.
Como consecuencia a autoría individual esváese e ponse o foco no colectivo. Precisamente para facilitar a participación e a libre circulación das creacións a través do correo postal, as teas teñen esas medidas. As pezas elaboradas pasan a formar parte do proxecto e van indo de mans en mans, deixando a súa pegada noutro lugar e uníndose a outras cartografías.
María Jesús Agra, Cristina Trigo
Coordinación do proxecto en Santiago de Compostela e do colectivo C3
Ningún comentario:
Publicar un comentario