4 de abr. de 2023

O ROSAL

A ALCALDESA DO ROSAL, ÁNXELA FERNÁNDEZ CALLÍS, PRESENTOU A CANDIDATURA DO BNG DO ROSAL PARA AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS, DIANTE DUN AUDITORIO MUNICIPAL CHEO DE VECIÑOS E VECIÑAS 

 Ánxela: “Conto coa candidatura da suma colectiva, un equipo ilusionado, renovado, preparado, capacitado e cun equilibrio perfecto para afrontar o mellor dos futuros para O Rosal”.   


Ánxela Fernández Callís xunto coas mulleres e homes que forman a candidatura do BNG do Rosal
Aspecto que ofreceu o acto de presentación da candidatura do BNG do Rosal
O público posto en pé, aplaudiu a alcaldesa do Rosal e ao seu equipo


Infogauda / O Rosal 

 Acompañada da candidatura e coas intervención de catro das persoas candidatas que forman parte da lista, a alcaldesa rosaleira trasladou unha mensaxe de ilusión e emoción por contar co mellor equipo de veciños e veciñas que podía imaxinar para seguir a mellorar e transformar o futuro do Rosal. 

 “Na vida e na política é moi importante estar en constante renovación e sobre todo suma colectiva. O equipo é sempre o máis importante nos proxectos colectivos e téñovos que dicir que conto cun equipo preparado e capacitado para seguir a construir xuntos, desde o sentido da responsabilidade, o esforzo e a humildade, o proxecto do Rosal”, salientou a rexedora. 

 A alcaldesa presentou un equipo de 23 veciñas e veciños que abranguen todas as franxas de idade, desde os 19 ata os 80 anos, cunha gran diversidade de formacións, profesións, experiencias vitais e implicacións. Con persoas implicadas no monte comunal, con traballo nas traídas veciñais, nas asociación culturais, deportivas, educativas, veciñais, do benestar social ou da diversidade funcional e na que están representadas todas as parroquias e pobos do Rosal. 


A alcaldesa do Rosal e candidata a reelección, nun momento da súa intervención

 “Conto - relatou a alcaldesa - coa candidatura da suma colectiva, un equipo ilusionado, renovado, preparado, capacitado e cun equilibrio perfecto para afrontar o mellor dos futuros para O Rosal. Compartimos un denominador común, entender Política en positivo, desde a construcción, o consenso, a escoita activa e o diálogo. Estamos afeitos a vivir na política estratexias e mensaxes constantes de descrédito, de confrontación, de odio. Para nós o odio fai que se  perda a obxectividade fronte ás cousas, fronte á realidade. O odio é cego como o amor ou a ilusión pero hai unha diferenza fundamental, o odio sempre destrúe e o amor e a ilusión constrúen, son creadores.” 

 “Da música do Rosal aprendemos que ninguén pode asubiar só unha sinfonía, precísase dunha orquestra, dunha banda de música, dun colectivo para tocala. Coas 23 persoas que conformamos esta candidatura e coa suma colectiva de todos e todas as veciñas e veciños do Rosal, estou segura de que de aquí ao 28 de maio conformaremos a mellor banda de música, a mellor orquestra para seguir a crear e tocar a mellor das sinfonías, o mellor dos futuros xuntos e xuntas para o noso pobo!”, concluiu a alcaldesa. 


Sabela Treinta Lomba dirixíndose á veciñanza do Rosal

 No acto interviu Sabela Treinta Lomba, a candidata máis nova da candidatura con 19 anos que, entre outros temas, comentou: “Estas son as primeiras eleccións nas que podo votar e nada me fai máis ilusión que facelo aquí, nas urnas da escola de Marzán este 28 de maio, apostando por un proxecto que coñezo dende dentro e no que confío plenamente, da man dun equipo que traballa polo bo vivir dos veciños; que camiña coa vista posta no futuro, os pes na terra, no presente, e sen esquecer as ensinanzas do pasado; agradecendo sempre o esforzo e dedicación dos que nos precederon. Dende a humildade, gustaríame ser unha representante digna para as mozas e mozos da miña xeración, cos que seguro que comparto moitas das miñas inquedanzas. Reivindico dende aquí a importancia de involucrarnos e comprometernos socialmente, de implicarnos na política local, de votar, de esixir que se cumpran”. 


Rafael Alonso Gómez nun momento da súa intervención

 Rafael Alonso Gómez, candidato número 10 da lista, subliñou: “É evidente e palpable, que desde hai catro anos O Rosal está máis vivo que nunca, no Rosal respírase optimismo, creatividade, interese, ganas. O Rosal é dinámico, atractivo, O Rosal móvese, emana vida e fomenta ilusión, ilusión polo Rosal que é a que me move a estar aquí, a apoiar este modelo de xestión e de goberno para seguir crecendo e progresando


Desiré Sousa Araújo puxo en valor o compromiso coa cidadanía do proxecto do BNG

 Desiré Sousa Araújo candidata número 7 da lista  comentou: “O compromiso do noso proxecto polo benestar familiar é real. Xa se veñen desenvolvendo medidas a favor das familias como as charlas de “Educando en familia” ou o espazo crianza no que tiven a sorte de participar estando embarazada: unha comunidade de apoio dirixida por unha matrona, na que as embarazadas poden compartir e prepararse para o parto, sentirse acompañadas despois de dar a luz, resolver dúbidas, e facer todo do que se nos leva anos privando dende a sanidade pública, deixándonos sen matrona. Tamén a implicación do goberno coas escolas unitarias, non solo nas súas funcións de mantemento se non tamén na reforma delas como Pías ou Tabagón apostando por unha educación de proximidade e de calidade. Por isto é mais razóns tomei a decisión de implicarme neste proxecto”. 


Alejandro González Martínez falou da ilusión de que O Rosal siga crecendo

 Alejandro González Martínez, candidato número 5, culminou as intervencións: “Ademais da ambición de formar parte dun equipo de goberno que demostrou que o cambio era posible, o que me levou a involucrarme como candidato é a ilusión de que O Rosal siga crecendo, que a xuventude teña participación, que a Ribeira teña voz e que todos e todas, xuntos, poidamos conseguir dar un paso máis cara adiante no camiño que comezamos hai catro anos.” 


Ánxela Fernández Callís con todas as persoas que integran a candidatura do BNG do Rosal

 A lista, encabezada por Ánxela Fernández Callís, continúa con Germán Fernández Rodríguez, Beatriz Rodríguez Alfonso, Carlos Villanueva Domínguez, Alejandro González Martínez, Roxelio Fernández Portela, Desiré Sousa Araújo, Concepción Barbosa Cardoso, Eduardo Guisantes Batán, Rafael Alonso Gómez, Erundina Benítez Fernández, Óscar Alfonso Fernández, Yolanda Pequeño Fernández, Julio Lorenzo Rodríguez, Patricia Silva Alonso, Juan José Sobrino Pérez, Sabela Treinta Lomba, Isaac Cerqueira Pérez, Elvira Vicente Rodríguez, David Gómez Baz, Noemí Baz Rodríguez, Ricardo Vicente Trigo ("Carrorio") e Joaquina Cardoso Fernández.

Ningún comentario:

Publicar un comentario