3 de abr. de 2023

O PORRIÑO

A CIG volve gañar as eleccións sindicais en Pescanova no Porriño e obtén máis votos que as outras centrais xuntas 

• A central fíxose con 4 dos 9 delegados/as do comité de empresa 


Centro Industrial O Porriño, do grupo Nueva Pescanova
Foto: CIG

Infogauda / O Porriño

 A FGAMT-CIG volveu gañar as eleccións sindicais no Centro Industrial O Porriño, do grupo Nueva Pescanova, e obtivo máis votos que os outros dous sindicatos xuntos. A central fíxose deste xeito con 4 dos 9 delegados/as que se escollían no comité de empresa. 

 No proceso que tivo lugar recentemente a CIG colleitou un total de 87 apoios, polos 85 que sumaron USO e UGT. No colexio de especialistas a central sindical logrou 80 votos e 4 representantes, USO 31 votos e 2 representantes e UGT 25 votos e 1 representante. 

 Entre o persoal administrativo a UGT obtivo 15 votos e 1 representante, mentres que a USO logrou 14 votos e 1 representante. A CIG colleitou 7 votos e non conseguiu representación neste colexio. 

 Dende a central sindical agradecen o apoio masivo e o compromiso amosado por parte do persoal de fabricación, xa que houbo traballadoras/es que se achegaron a votar incluso estando de baixo ou en día libre. De feito, nas eleccións participou a práctica totalidade do cadro de persoal.  

 Finalmente, dende a representación da CIG no Centro Industrial O Porriño de Nueva Pescanova adiantan a súa disposición a seguir loitando na defensa dos dereitos e das condicións laborais do conxunto das traballadoras/es. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario