1 de abr. de 2023

O BAIXO MIÑO

A COMARCA DO BAIXO MIÑO GAÑARÁ MÁIS DE 72.000 M2 DE ESPAZO PÚBLICO PARA AS PERSOAS UNHA VEZ EXECUTADOS OS PROXECTOS SUBVENCIONADOS POLA REDE ÁGORA  

 Tomiño, O Rosal, Tui, A Guarda e Salceda teñen en carteira 43 actuacións que suporán un investimento de 19 M€    


O vicepresidente da Deputación provincial de Pontevedra, co deputado do departamento de Mobilidade e Espazo Público, alcaldesas, alcaldes e representantes dos concellos de Tomiño, O Rosal, Tui, A Guarda e Salceda, con proxectos subvencionados con axudas da Rede Ágora

Foto: Rafa Estévez


Infogauda / O Baixo Miño   

 A comarca do Baixo Miño gañará máis de 72.000 metros cadrados de espazo público para as persoas unha vez se executen todos os proxectos subvencionados con axudas da Rede Ágora do departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación. Este dato foi divulgado hoxe polo deputado Uxío Benítez tras desagregar o informe xeral presentado  esta semana no acto de celebración de ‘Tres anos de Rede Ágora’, que revelou que na provincia o número total de metros gañados para a veciñanza ascenderá a 340.000.  

 Na  “conta de resultados” destacada o martes púxose de manifesto que grazas aos proxectos Ágora transformaranse a cantidade total de 620.000 metros cadrados de espazos público, o que supón multiplicar por cinco o espazo público existente gañándollo aos vehículos. Na provincia poranse en marcha 206 proxectos grazas a 5,8 millóns de euros de axudas Ágora sumadas ás do Plan Concellos, ReacPon, ou PON2023 (entre outras), que chegarán a un investimento global de 9,4 millóns de euros.   

 No caso particular do Baixo Miño, os números son os máis positivos de todas as comarcas da provincia con gran diferencia: transformaranse 119.123 metros cadrados, que pasarán de dispoñer dun espazo peonil previo de 19.246 metros cadrados a 91.435 m2, o que supón un incremento de 72.189 metros. Esta renovación e recuperación do espazo urbano implicará un investimento de máis de 19 millóns de euros. O número de proxectos en carteira é de 27, estando aprobados na primeira convocatoria de axudas Ágora cinco, dez na segunda e 12 na terceira e última este mesmo ano.  

 Como xa se avanzara, no territorio miñoto, o Concello de Tomiño é o que maior número de axudas recibe, cun total de once. A primeira foi para as obras de mellora de mobilidade entre equipamentos da rúa República Arxentina na primeira convocatoria. Xa para proxectos, na segunda as axudas foron para o acondicionamento do torreiro de Taborda e Vilameán, para a mellora da mobildade peonil e ciclabe entre os equipamentos na avenida da República Arxentina e na avenida Ordóñez e para unha senda peonil no camiño do Alivio. Na terceira e última convocatoria, o concello socilitou axuda para proxectar un itinerario peonil na alameda de Goián, a mellora da comunicación peonil entre varios equipamentos na parroquia de Sobrada, a recuperación do espaxo público para as persoas na contorna da igrexa de Santa María de Tebra, para amobilidade peonil entre a rúa Daniel Calzado e a avaenida Baixo Miño e a recuperación e mellora da rúa Gondomar.   

 No Rosal, a primeira axuda Ágora das dez totais foi para o proxecto de remodelación da Praza do Calvario, xa executada. Na segunda convocatoria as subvencións destináronse a proxectos de mellora urbana en San Miguel de Tabagón: estrada vella e rúa Santiago, recuperación da rúa Estrada e integración dos camiños de San Gregorio, mellora da calidade viaria na contorna das pozas das Pesqueiras, senda peonil en Fornelos (PO353-PO354), e rúas Jesús Noya e travesía do Casal e integración do camiño da Vila Vella. Na terceira convocatoria as peticións foron para proxectos de mellora do núcleo de San Xián, Fucheiros-A Lomba, núcleo de Pancenteo, e contorna de igrexa de San Bartolomeu.  

 O Concello de A Guarda recibiu na primeira convocatoria axuda para o proxecto de humanización da rúa Joaquín Alonso; na segunda, para a urbanización da rúa Malteses, coa súa mellora de accesibilidade e seguranza viaria, e para a mellora da contorna do CEIP As Solanas. No caso da última convocatoria, as solicitudes son para proxectos de senda en Aloqueiro, no camiño Traslajo, na pista da Xunqueira, na rúa Cavacos, e para outra senda no camiño de Fonteboa dende Sestás a Baliños.  

 Salceda de Caselas recibiu axuda para a reurbanización da rúa Ador na primeira convocatoria. Para a mobilidade amable da rúa Vigo, da Rúa Victoriano Pérez Vidal e o treito final da Rúa Coruña na segunda convocatoria, e ten solicitado na terceira axuda para os proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís da rúa Brasil e Rosalía de Castro.   

 O Concello de Tui recibiu unha primeira axuda para o proxecto para a mellora e rexeneración na Corredera e contorna; na segunda convocatoria para os proxectos de acondicionamento da igrexa de O Sagrario de Pazos de Rei, para a reforma de rúa en A Guía, na parroquia de Randufe, para a contorna da igrexa de Santiago de Baldráns, para a contorna do balneario de Caldelas, e o acondicionamento da Rúa da Barca, no Camiño Portugués a Santiago. Na terceira convocatoria, para o acondicionamento dun treito da avenida da Concordia e da conexión entre o río Miño e a PO-552 a través da igrexa de Santa Mariña. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario