DEBUXOS E ACUARELAS DE TITO LEMOS
• Do 3 ao 15 de abril, na Casa dos Alonso
• A exposición pode visitarse de luns a venres, de 10:30 a 13:30 horas
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Auspiciada pola Asociación Tito Lemos, e coa colaboración do Concello de A Guarda, a Casa dos Alonso acollerá ata o vindeiro día 15 de abril, unha exposición de debuxos e acuarelas da autoría do inesquecible doutor Joaquín Lemos Zunzunegui (Tito Lemos).
A mostra, composta por unha treintena de obras, reflicte unha das paixóns artísticas do gratamente relembrado médico quen por vontade propia fixo de A Guarda súa vila de actividade profesional e de residencia.
Mediante diferentes técnicas artísticas (acuarelas, debuxos, colaxes,...), Tito Lemos deixou súa impronta creativa, como un legado de aquilatado mérito, que súa familia, nunha nova mostra de agarimo e xenerosidade, quixo compartir coa cidadanía e visitantes de A Guarda. Dese xeito, se nos achegamos a sala de exposicións da Casa dos Alonso poderemos apreciar as olladas e os feitíos de Tito Lemos, amosándonos, desde diferentes emprazamentos, a singular beleza do noso pobo. Descubríndonos imaxes e perspectivas de lugares polos que transitamos con frecuencia e que, tal vez, por estaren aí, tan preto de nós, en moitas ocasións nin nos percatamos da súa fermosura.
Por iso, achegarse á exposición de debuxos e acuarelas de Tito Lemos é - ademáis dunha mostra de sensibilidade deica unha persoa que tanto ben fixo por A Guarda e súa contorna -, unha maneira de reencontrarnos cos atractivos que temos ben preto de nós.
Horario de visitas:
De luns a venres, de 10:30 a 13:30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario