A Guarda reivindica a Feliciano Rolán cun multitudinario acto na Casa dos Alonso
• A Asociación Piueiro, o Concello de A Guarda e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Xunta de Galicia impulsaron o evento no que se presentaba de forma oficial a edición bilingüe de “De mar a mar”, o poemario que Feliciano Rolán publicou en castelán no ano 1934.
• O escritor e traductor Anxo Angueira e o editor Henrique Alvarellos tamén tomaron parte no acto cultural que contou coa actuación musical de Pablo Vidal (contrabaixo) e Clara Pino (arpa).
Mar Bermúdez / A Guarda
A Casa dos Alonso acolleu este mediodía un dos actos máis emotivos de cuantos organizou no seus case seis anos de existencia a Asociación Cultural Piueiro: a presentación dunha coidada edición bilingüe do poemario “De mar a mar”, de Feliciano Rolán. Un evento que contou coa colaboración do Concello da Guarda, a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, a editorial Alvarellos, o poeta, profesor e tradutor Anxo Angueira e o propio pobo de A Guarda, cuxos veciños acudiron en gran número a homenaxear a un dos seus, o escritor Feliciano Rolán Vicente (Vigo, 1907 - A Guarda 1935).
Coa tradución ao galego, “De mar a mar”, un conxunto de poemas que na súa publicación orixinal recibiu o eloxio de autores como Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro ou Luís Seoane, conta agora cun espazo preferente na colección “Rescate” da editorial Alvarellos, onde coincide con autores da talla de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro.
“De mar a mar. Poemas 1932-1933”, a pesar de quedar relativamente relegada tras a prematura morte do seu autor aos 27 anos, foi unha referencia para os membros da Asociación Piueiro, que traballaron sen descanso para difundir a obra, breve pero intensa, de Feliciano Rolán. E, concretamente, este libro de temática marítima é un dos preferidos dos veteranos pescadores e armadores guardeses.
Na presentación oficial celebrada esta mañá participaron Mª Montserrat Magallanes, concelleira de Cultura de A Guarda; José Benito Rodríguez (Tito Chirro), pola Asociación Piueiro: Henrique Alvarellos en representación da editorial; Celso R. Fariñas como colaborador da obra; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Antonio Lomba, alcalde de A Guarda. O evento contou coa actuación musical de Pablo Vidal (contrabaixo) e Clara Pino (arpa) e a colaboración da librería Ler.
A nova edición do poemario conta cun ensaio de Xosé Gregorio Ferreiro Fente que clarifica a obra de Feliciano Rolán, ademais de achegar imaxes, manuscritos e debuxos inéditos. Pola súa banda, Celso R. Fariñas debulla a biografía literaria do autor, que termina de entenderse na súa totalidade cos testemuños de Ricardo Carvalho Calero e Carlos Martínez-Barbeito, quen coñeceu ao poeta que é agora homenaxeado por Piueiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario