6 de mar. de 2023

VIGO

A CIG de Vigo, O Morrazo e O Baixo Miño sairá á rúa este 8M baixo o lema 'A crise non a imos pagar as traballadoras' 

 A central sindical conmemora un ano máis o Día Internacional da Muller Traballadora cunha ducia de mobilizacións por todo o país 


A secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, compareceu en rolda de prensa xunto á responsábel da Secretaría das Mulleres da CIG do Morrazo, Maruxa Martínez, e da integrante da executiva comarcal de Vigo, Raquel Pérez para presentar as mobilizacións que a central sindical vai desenvolver

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo e as unións locais do Morrazo e do Baixo Miño presentaron hoxe as mobilizacións que terán lugar na cidade, en Cangas e na Guarda, con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. A central sindical botarase á rúa un ano máis cunha ducia de protestas por todo o país, nesta ocasión baixo o lema 'A crise non a imos pagar as traballadoras'. 

 A secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, compareceu en rolda de prensa xunto á responsábel da Secretaría das Mulleres da CIG do Morrazo, Maruxa Martínez, e da integrante da executiva comarcal de Vigo, Raquel Pérez, para presentar as mobilizacións que a central sindical vai desenvolver coincidindo con esta data reivindicativa. No caso de Vigo, a manifestación arrincará do cruzamento da Dobrada ás 11:30 horas, mentres que en Cangas a marcha sairá da estación de autobuses ás 12:00 horas. No caso da Guarda desenvolverase unha concentración na praza Avelino Vicente, tamén ás 12:00 horas. 

 Mariño lembrou que como cada ano por estas datas a central sindical fai un chamamento “a encher de lila” as rúas do país e a que todas as mulleres saian “a berrar ben forte e a facer eco das nosas reivindicacións”. Nesta ocasión a CIG deseñou unha campaña baixo o lema 'A crise non a imos pagar as traballadoras' que contempla os oito principais motivos polos que mobilizarse este 8M. 

 En primeiro lugar, para denunciar o impacto que tivo a última reforma laboral sobre as condicións de traballo das mulleres, “aumentando a parcialidade do emprego e afondando na precarización”. Mais tamén para poñer enriba da mesa a existencia dunha fenda salarial “que se ben é certo que nos últimos anos se reduciu lixeiramente segue a ser do 19%, algo que para nós é inasumíbel e intolerábel”.  

 Outro dos motivos ten que ver co aumento da carestía da vida e o encarecemento dos servizo públicos, “cuestións que teñen un maior impacto nas mulleres”. Neste senso, Mariño sinalou que a central reclama uns servizo públicos de calidade “para que a conciliación poida ser unha realidade”, ai tempo que aposta por rematar coa precariedade laboral, “que segue a ter cara de muller tanto no sector público como no privado”. Fixo especial mención ás empregadas do fogar, xa que a nova reforma non lle recoñece a súa condicións de traballadoras adheridas ao réxime xeral con dereitos plenos dende que comezaron a cotizar. 

 E tamén á fendas das pensións, que na actualidade se eleva até o 35%, polo que reclamou que se teña en conta o impacto de xénero á hora de levar a cabo calquera reforma do sistema público de pensións.Nesta liña, censurou que no caso de que se amplíe aos 30 anos o período de cálculo das prestacións “as mulleres galegas quedariamos a deber ano, xa que nestes momentos a media de anos cotizados é do 24,5%, polo que teriamos que traballar até os 75 anos para ter dereito a unha pensión”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario