6 de mar. de 2023

A CAÑIZA

Maica Larriba leva á Cañiza “MAVI: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero” para achegar recursos formativos en igualdade e contra as violencias machistas á súa veciñanza 

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra traslada á biblioteca municipal esta iniciativa para fomentar unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias 

 A maleta viaxeira continúa o seu recorrido pola provincia de Pontevedra, tras facer parada nos concellos de A Lama, Moaña, Covelo, A Guarda, O Grove e Mondariz 

 MAVI permanecerá tres meses na  biblioteca do Concello da Cañiza, desde onde será traslada tamén a algún dos seus centros escolares 

 A subdelegada lembra que na provincia hai activos 1.397 casos de violencia de xénero con seguimento policial 

 “Unhas cifras intolerables que evidencian a magnitude dunha realidade que non podemos obviar, a pesares de que moitos insistan en negala” 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe no Concello da Cañiza o proxecto de sensibilización “MAVI: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero”
Foto: S. de G.

Infogauda / A Cañiza

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe no Concello da Cañiza o proxecto de sensibilización “MAVI: a maleta viaxeira contra a violencia de xénero”, unha iniciativa promovida pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación. No acto tamén estivo presente o alcalde do municipio, Luis Antonio Gómez Piña; a concelleira de Facenda, Urbanismo e Mobilidade, Paula Bacelar; o equipo de servizos sociais da localidade; e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre as Mulleres na provincia de Pontevedra, Manuela Vilaboy. A subdelegada insistiu na responsabilidade que deben asumir as institucións públicas na concienciación e, sobre todo, na oferta de lugares seguros de denuncia e de atención ás vítimas desta violencia “xa que os 1.397 casos de violencia de xénero activos na provincia no Sistema VioGén son intolerables e evidencian a magnitude dunha realidade que non podemos obviar, a pesares de que moitos insistan en negala”. 

 Co obxectivo de traballar a prol da concienciación e a prevención destas violencias nace o proxecto “MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero”, unha iniciativa que pretende achegar libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou as violencias machistas ás mulleres e nenas da provincia. Con catro maletas viaxeiras en activo, unha delas recala agora na Cañiza no seu recorrido pola provincia de Pontevedra. As outras xa fixeron parada nos concellos de A Lama, Moaña, Covelo, A Guarda, O Grove e Mondariz. MAVI contén textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico fronte aos estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades.  

 Maica Larriba sinalou a importancia da educación na loita contra as violencias machistas e pola igualdade de xénero e destacou que “aínda queda moito por facer”. Así mesmo, Larriba pediu a todas as mulleres “que dean un paso á fronte para que o sistema poida axudalas e protexelas” e estendeu o chamamento ás contornas para que denuncien e así “poder protexer os dereitos de vida destas mulleres e dos seus fillos”. 

 O alcalde da localidade, Luis Antonio Gómez Piña, subliñou a importancia da “cooperación interadministrativa para facerlle fronte a esta lacra” e agradeceu á subdelegada do Goberno a súa presenza na localidade “nunha semana tan significativa como a do 8M no que respecta á loita pola igualdade e os dereitos das mulleres”. 

 O proxecto MAVI permanecerá no “Recuncho da Igualdade” da Biblioteca Municipal da Cañiza tres meses, durante os cales visitará tamén a algún dos centros educativos do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario