30 de mar. de 2023

TOMIÑO

O escritor J. Benito Fernández vai presentar en Tomiño a biografía definitiva de Leopoldo M. Panero, poeta maldito 

 O acto será este sábado 1 de abril ás 12.30 h no Hotel Nova Colina e contará coa participación do xornalista Fernando Franco  




Infogauda / Tomiño

 Leopoldo María Panero ocupa un espazo singular na poesía española contemporánea pola súa obra pero tamén pola súa notable proxección pública. Unha vida que o escritor e xornalista tomiñés José Benito Fernández (Tomiño, 02 de maio de 1956) recolle no seu libro ‘El contorno del abismo. Vida y leyenda de Leopoldo María Panero’, unha rigorosa biografía do coñecido como poeta maldito da literaturas española contemporánea que esta fin de semana o autor presenta no seu Tomiño natal. 

 O acto será este sábado 1 de abril ás 12.30 horas no Hotel Nova Colina nunha charla que contará tamén coa presenza e participación do xornalista Fernando Franco. “Non hai nada que me faga máis ilusión que presentar este libro no meu concello, entre amigos, familiares e veciñanza”, comenta Fernández. Esta presentación está organizada polo Club de Lectura da antiga asociación sociocultural SenRaia.  

 O escritor e investigador tomiñés presentará ante o público unha minuciosa biografía na que reconstrúe a vida e lenda de Panero tras case tres anos de investigación e documentación. Polas súas páxinas desfilan a infancia do poeta entre Madrid e Astorga e as súas relacións familiares, pero tamén se amosa a condición de membro da xeración dos chamados ‘novísimos’, a repercusión da súa obra, a súa adicción ás drogas e ao alcohol, os seus xogos coa política e a súa relación coa loucura, que o levou a pasar boa parte da súa vida en sanatorios mentais. Pero tamén fala da vocación transgresora de Leopoldo María Panero, as súas iluminacións visionarias e a súa personalidade sempre en conflito, ao borde do abismo. 

 “Todas as biografías son complicadas e requiren de moita paciencia e de moitos anos de investigación para ser capaces de facer unha fotografía fiel do personaxe”, explica J. Benito Fernández. Unha complexidade aínda maior neste caso “xa que ao tratarse dunha persoa psicótica pouca axuda tiven pola súa parte á hora de recoller información”. Pero se de algo entende o escritor tomiñés é de paciencia: o seu vindeiro libro sobre a figura de Juan Benet, que sairá publicado en outubro, supuxeron 7 anos de investigación. “Todas as biografías ocultan algo de dificultade, por iso en España hai tan pouca tradición biográfica e somos poucos aos que nos apaixona dedicarnos a isto”, explica Fernández. 

 O acto será aberto a toda a veciñanza, á que se convida a gozar desta historia na que J. Benito Fernández va máis alá do endemoñado mundo familiar de Panero, que deu lugar a dúas películas. Ao retrato intimista do poeta, narrador, prologuista, tradutor, derrotado e enfermo, Fernández superpón o fondo dunha España inhóspita, opresora e posiblemente non menos enferma. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario