17 de mar. de 2023

TOMIÑO

O Concello destina 14.000 euros para a promoción e fomento das actuación dos grupos de música tradicional tomiñeses  

As axudas do ‘Circuíto Cultural 2023’ poderán solicitarse ata o vindeiro 1 de decembro cunha antelación mínima de 30 días á data da actividade solicitada  


Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño publica un ano máis as bases do ‘Circuíto Cultural 2023’, unhas subvencións coas que se busca promocionar e fomentar as actuacións dos grupos de música tradicional tomiñeses. O Goberno municipal destinará 14.000 euros a estas axudas, xa que entende a cultura como unha práctica social construída no diálogo e na comunidade, entendendo a veciñanza como parte activa da creación cultural.  

 “A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que coñecemos, gozamos e que é necesario coidar. Por iso, dende o Concello asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o seu descubrimento e contratación”, explica a alcaldesa, Sandra González. 

 Poderán solicitar a inclusión no circuíto as bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandeireteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns que, en caso de cumprir cos requisitos, poderán ser contratadas por un terceiro tendo unha parte da súa retribución económica aboada polo Concello. As comisións de festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións incluídas no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data de actuación, sendo exclusivamente un acordo entre ambas as dúas partes. 

 As contías máximas dos distintos tipos de agrupación de Tomiño serán: 

- Banda de música: 400 euros 

- Corais: 200 euros 

- Bandas de gaitas con máis 30 compoñentes: 300 euros 

- Grupos de gaitas: 200 euros 

- Treboadas: 200 euros 

- Pandeireteiras: 150 euros 

- Murgas ou charangas: 150 euros 

- Grupos de acordeóns: 150 euros 

 As solicitudes poderán ser presentadas a través da Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 1 de decembro de 2023. O modelo de solicitude tamén está dispoñible na propia Sede Electrónica. As agrupacións interesadas deberán presentar a súa solicitude cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario