O Concello abriu as súas portas ao alumnado do Grao Medio de Xestión Administrativa do IES Pedra da Auga
• A alcaldesa e varios técnicos acompañaron a estes estudantes de segundo curso para desentrañarlles o funcionamento do consistorio
Infogauda / Ponteareas
O Concello abre as súas portas ao alumnado de Ponteareas para achegalo ao día a día do consistorio e ao seu funcionamento. O alumnado de segundo curso do Grao Medio de Xestión Administrativa do IES Pedra da Auga fixo unha visita polas instalacións municipais para coñecer de primeira man todo o traballo que se realiza nos distintos departamentos do Concello.
A alcaldesa, Cristina Fernández, resaltou que “para nós é moi importante que os rapaces e rapazas aprendan dun xeito moi ameno sobre o traballo que se realiza nas dependencias municipais e comprendan por elas e eles mesmos que o Concello é unha administración próxima á veciñanza na que poden participar de diferentes maneiras”.
A rexedora acompañou ao alumnado neste percorrido pola Casa Consistorial e sentouse con eles e elas no salón de plenos, no que puideron sentirse concelleiros e concelleiras por uns intres e desentrañar os misterios sobre o funcionamento dunha sesión plenaria.
Acompañados por unha profesora do centro, os estudantes remataron a visita con moi boas sensacións e destacaron o bo trato recibido por parte de todo o persoal técnico e do funcionariado, que lles explicaron os pormenores do funcionamento cotiá do Concello dun xeito claro e preciso, facéndoo moi interesante e ameno.
Cristina Fernández destacou o grande interese que amosaron os mozos e mozas participantes na visita e o traballo realizado polo profesorado do centro educativo, que fomenta estes encontros no que rapaces e rapazas poden empaparse do funcionamento da administración municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario