O PP advirte que a nacionalista Ánxela Fernández está usando os medios do concello con fins partidistas e electorais
Infogauda / O Rosal
“O goberno local do BNG, liderado pola alcaldesa Ánxela Fernández, utiliza os medios públicos dos que dispón no concello para facer propaganda electoral, algo que non é lícito nin ético, pero sobre todo é inaudito”. Iso é o que vén de afirmar nunha nota de prensa, o Partido Popular de O Rosal.
Os populares denuncian que “están empregando os espazos públicos para colocar pancartas partidistas, en lugares como escolas ou no propio balcón do concello, pero ademais, o que aínda é máis grave, utiliza os cartos de todos os veciños do Rosal para facer autopromoción do Goberno e da alcaldesa”. Refírense os populares “ao boletín municipal, unha ferramenta que se utilizaba no anterior mandato e que, de feito, reclamaron desde o PP, e que servía de ferramenta informativa para os veciños, cunha axenda das actividades deportivas e culturais programadas a nivel local ou outros datos de interese”. Agora, explican desde o PP, “recuperan o boletín a uns meses das eleccións para facer unha revista electoral do BNG encuberta e financiala con fondos públicos. Unha ferramenta de autobombo do goberno local que pagamos todos. Un auténtico escándalo”, sentencian.
Dende o Partido Popular de O Rosal din que “estamos indignados con esta forma de actuar. Están utilizando o concello, os servizos e as instalacións municipais para facer propaganda electoral e partidista”. Nesta liña, Carlos Rodríguez Vicente, candidato popular á alcaldía do Rosal, lamenta que “nin Ánxela Fernández nin ningún concelleiro do grupo municipal amose o mínimo respecto polas institucións. Foi a propia alcaldesa quen dixo que o concello era a casa de todos os rosaleiros e rosaleiras, polo tanto, pedímoslle que deixe de utilizar os servizos públicos ao servizo do BNG. Instamos a que a alcaldesa cese xa neste tipo de actuacións, a que pense e teña responsabilidade para co cargo que ocupa e que non se repitan este tipo de feitos nun futuro”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario