BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés examínase ante o líder e vixente campeón
• O equipo do Baixo Miño recibe ao todopoderoso Bera Bera no pavillón municipal da Sangriña (mércores, 20:45)
• O partido, da xornada 19, móvese de data pola disputa das semifinais da Copa Europea
• Con o equipo donostiarra regresa á que foi a súa casa Paula Arcos, MVP da pasada Liga co Mecalia Atlético Guardés
• Júlia Nuez podería gozar dos seus primeiros minutos en tres meses tras recuperarse do seu fascitis
• Ana Seabra: “Queremos ser competitivas en todos os partidos”
Infogauda / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés continúa inmerso no seu encadeado alpino. Por agora, os resultados están a ser inmellorables para a escuadra do Baixo Miño, que gañou en Liga a Aula e a Porriño e ao Elxe a domicilio na ida das semifinais da Copa Europea. Pero isto non para e agora chegan curvas. O conxunto que dirixe Ana Seabra recibe este mércores (20:45) ao vixente campión de Liga e líder indiscutible da competición, un Bera Bera que vén a por dous puntos que confirmarían matematicamente a súa primeira praza na liga regular.
O potencial do equipo donostiarra escapa a calquera dúbida. Xogadoras diferenciais en todas as liñas, un puñado de internacionais e a vixente MVP da liga Guerreiras Iberdrola. Paula Arcos regresa á Sangriña para medirse a un equipo no que estivo dous anos e co que conseguiu os premios de mellor xogadora do torneo da regularidade e da Copa da Raíña o ano pasado. Fose de serie de Petrer deixou pegada no club, o equipo e a afección -de feito visitou un par de veces A Sangriña como afeccionada este curso-. Por todo iso, será recibida cos brazos abertos.
Pero dentro da pista, as amizades se pausan. O Guardés atravesa o mellor momento da tempada con cinco triunfos ligueiros e o primeiro paso cara a unha final continental completado, que é o que motivou o cambio de data deste encontro. O choque de volta ante o Elxe aparece no horizonte do sábado, pero antes toca un exame de nivel fronte ao líder. O Mecalia non quere parar. E non vai parar.
O partido supón unha fantástica noticia para o equipo do Baixo Miño. Júlia Nuez volverá ter minutos tres meses unha vez superada a fascitis plantar que padecía desde decembro. A moza primeira liña catalá está a ter unha tempada complicada coas lesións. Primeiro a rotura dun ligamento do dedo polgar da súa man dereita en setembro, que precisou intervención cirúrxica. Logo, ao pouco de volver, esta incómoda e molesta doenza na planta do seu pé esquerdo, que lle impediu competir en todo o que vai de 2023. A súa alta é unha alternativa máis para unha primeira liña moi cargada de minutos. Pero, sobre todo, é a alegría de todo o grupo por ter de volta na pista á súa compañeira.
De feito, Nuez xa sentou no banco nos últimos encontros para estar máis preto do equipo. O seu retorno alixeira unha enfermería na que só queda Ángela Nieto, recentemente operada de menisco, e unha Naza Calzado con molestias no xeonllo dereito. Aínda que non é nada serio, está a serse prudente coa extremo de Bolaños para evitar unha posible lesión grave que daría ao traste coa tempada.
Con estas armas sairá a pelexar o Guardés ante un equipo que, aínda que demostrou ser o mellor nos últimos anos, non é invencible. De feito, vén de perder en Valladolid e o propio Mecalia Atlético Guardés demostrou que pode tombalo, como xa fixo nas semifinais de Copa do ano pasado, a domicilio e con 3.000 persoas en contra na bancada. E como unha vitoria chama á outra, as de Ana Seabra buscarán encadear outro triunfo que as catapulte directamente ao sábado, onde buscarán volver facer historia no balonmán galego coa clasificación para unha final europea.
Ana Seabra: “Bera Bera ten dous equipazos: un en pista e outro sentado”
A adestradora portuguesa do Mecalia Atlético Guardés é consciente do condicionante físico que supón xogar sete partidos en tres semanas. “Os minutos nunca deixan de ser competitivos, pero temos que dosificar e recuperar ás deportistas porque temos por diante partidos importantes”, sostén Seabra, que non esconde a oportunidade histórica que supón o encontro de volta de semifinais da Copa Europea contra o Elxe en tres días, á vez que asegura que o seu grupo vai ir a por todas contra o líder. “Creo que todas temos claro que o sábado pode ser prioritario, pero non imos encarar o choque de Bera Bera coma se fose un amigable. É un partido de Liga importante e imos tentar ser tan competitivas como sempre”, expresa.
“Bera Bera ten dous equipazos: un na pista e outro sentado. Ten moita calidade”, recoñece a adestradora do Guardés. “Sabemos que teremos diante un adversaro que traballa para gañar todos os títulos que disputa e por tanto somos conscientes de que vai ser un partido moi difícil. É un gran rival polo que temos moito respecto, pero imos traballar para facelo o mellor posible e tentar gañar”, conclúe.
AXENDA
Liga Guerreiras Iberdrola
Xornada 19
Mecalia Atlético Guardés-Super Amase Bera Bera
Mércores, 22 de marzo ás 20:45
Pavillón Municipal A Sangriña, de A Guarda
Árbitros: Víctor Navarro e Fernanda Espino
Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario