CONCURSO LITERARIO SOBRE O POETA FELICIANO ROLÁN E O PADRE ORESTES CAIMOTTO
• Promovido pola AMPA e o profesorado do Colexio PP. Somascos de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Dende a comunidade educativa do Colexio PP. Somascos, de A Guarda, vénse de facer público que “con motivo da reedición da obra “De Mar a Mar” do poeta Feliciano Rolán, froito do traballo de Joaquín Cadilla, coa colaboración de Celso Fariñas e o apoio da Asociación Piueiro de A Guarda, xorde a idea de poñer en valor a figura e a obra do poeta entre as alumnas e alumnos do noso pobo. Para espertar a curiosidade e o interese entre o alumnado de A Guarda sobre o poeta e a súa especial (e tan importante na súa obra) conexión coa nosa vila, propúxose a realización de diferentes traballos, tanto de investigación como puramente literarios, en formato de concurso, para incentivar a procura de información, así como a profundidade dos devanditos traballos. Esta iniciativa, polo seu valor, tanto a nivel cultural como social, é potencialmente ampliable a todos os centros escolares de A Guarda. Con todo, como comezo e especialmente polo fundamental traballo sobre a obra de Rolán do Padre Orestes, pertencente á Orde dos Padres Somascos, escolleuse o Colexio PP. Somascos – Fundación Educere como pioneiro neste concurso.
A AMPA do Colexio PP. Somascos de A Guarda, moi implicada en todas aquelas actividades que signifiquen o desenvolvemento cultural e formativo do alumnado do centro, asumiu, en colaboración co profesorado, a organización desta primeira edición do concurso, que culminará cunha exposición ás alumnas e alumnos do colexio da obra de Feliciano Rolán e o traballo do Padre Orestes por parte de Joaquín Cadilla e Celso Fariñas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario