1 de feb. de 2023

EMPREGO

O Rosal crea unha bolsa de emprego para o posto de persoal técnico de medio ambiente  

 O Concello busca cubrir as necesidades de persoal deste departamento. As persoas interesadas xa poden presentar a súa solicitude 


Vista da Praza do Calvario desde o atrio da igrexa parroquial

Foto: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal vén de poñer en marcha un proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para o posto de técnica ou técnico de medio ambiente. Con esta convocatoria en modalidade de concurso oposición o obxectivo é “dispoñer do persoal necesario para o plan de adaptación á lei de residuos e chans contaminados, unha persoa que realice as tarefas de asesoramento sobre recuperación ambiental ou sobre sistemas de xestión de riscos ambientais, que nos permita avaliar calquera impacto ou informar e traballar en calquera cuestión relacionada co medio ambiente no noso municipio”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 O contrato terá unha duración de tres anos ampliables a doce meses máis e poderán acceder a el persoas con licenciatura en Ciencias Ambientais ou grao en Medio Ambiente, Bioloxía, Xeoloxía, Xeografía, Enxeñaría Agraria ou Forestal ou equivalentes. Entre as competencias técnicas, a persoas que opte a este posto deberá ter habilidade, entre outras cousas, para elaborar e interpretar datos e mapas ambientais; coñecer métodos de análise para a avaliación, conservación e xestión dos riscos asociados á actividade industrial; saber analizar as relacións entre fenómenos naturais para predicir a súa evolución; para a recollida, creación de modelos e interpretación de datos; coñecer as bases da planificación territorial ou asesorar sobre os recursos naturais, a súa xestión e conservación na formulación de políticas, normas, plans e programas de desenvolvemento. 

 As persoas interesadas en participar neste proceso poden presentar xa a súa instancia durante xunto coa documentación necesaria durante 20 días hábiles a partir da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, que se realizou este martes 31 de xaneiro. 

 A presentación da solicitude deberá facerse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello a través do trámite xa habilitado para este proceso. Tamén poderá realizarse de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.

 ANUNCIO NO BOPPO

 BASES DA CONVOCATORIA

Ningún comentario:

Publicar un comentario