BALONMÁN FEMININO
EHF European Cup
Ana Seabra debuta á fronte do Mecalia Atlético Guardés cun duelo europeo ante o que foi o seu equipo
• O equipo miñoto visita ao Madeira SAD no partido de ida dos cuartos de final da Copa Europea (18:00, hora española)
• A adestradora portuguesa, que afronta a súa estrea como primeira adestradora, foi xogadora do equipo madeirense durante sete tempadas
• A expedición saiu este venres pola mañá desde Porto en busca dun bo resultado para a volta
• Ao redor dun centenar de afeccionados apoiará ao equipo miñoto neste primeiro asalto
Infogauda / Redacción
Funchal tivo un lugar preferente na fantástica carreira de Ana Cristina Teixeira Seabra como xogadora de balonmán. A muller con máis internacionalidades de Portugal (176) militou no Madeira SAD durante sete tempadas. Alí gañou títulos e deixou unha pegada indeleble. Por iso, a súa estrea como primeira adestradora do Mecalia Atlético Guardés terá ese sabor especial de producirse na que foi a súa casa. O equipo luso pelexará contra o miñoto por avanzar a semifinais da Copa Europea neste primeiro asalto na fermosa illa atlántica lusa (18:00, hora española, en directo pola canle de YouTube andebolTV).
Alí viaxa a expedición do Baixo Miño coa súa nova primeira adestradora á fronte. O voo despegou ás 12:35 deste venres, do Porto para arribar con tempo suficiente como para adestrar e descansar debidamente para o desafío. Despois da saída de Abel González, Seabra asume o reto de endereitar o rumbo ligueiro e manter o europeo. O Mecalia Atlético Guardés superou as dúas roldas anteriores, contra o VZV neerlandés e o H71 das Illas Feroe, en senllas eliminatorias disputadas integramente na Sangriña. Por iso, o de Funchal será o primeiro encontro a domicilio na presente edición desta Copa Europea. Ata o momento, catro partidos e catro vitorias en O Inferno.
A resolución destes cuartos de final tamén se producirá no mítico recinto guardés. Será o vindeiro domingo 19. Para chegar a ese encontro nas mellores condicións posibles, o Mecalia Atlético Guardés busca un bo resultado en Madeira. Non será sinxelo. O equipo luso ten un nivel notable, con xogadoras internacionais como Joana Pires, Patrícia Rodrigues ou a gardameta Isabel Gois, ademais dunha vella coñecida do balonmán galego: a ex do Porriño, Erica Tavares.
Na competición continental, o colectivo que adestra Hélder Sapeta subiu tres chanzos para chegar ata aquí. Superou con moita claridade ao Brixen italiano na rolda 2 (56-43 no global). Na 3, derrotou ao IBV Vestmannaeyjar islandés nun dobre duelo en Funchal que resolveu no choque inicial (23-30). No de volta, ao día seguinte, concedeu a súa única derrota da tempada (22-24). Nos oitavos de final, de novo nun enfrontamento completo en casa, superou con comodidade ao Zug suízo (43-52 en global). Na súa liga, marcha segundo empatado a puntos co Benfica, líder da competición e gran rival para conquistar o título. Ambas as escuadras contan por vitorias todos os seus partidos, polo que a resolución apunta a producirse nos seus enfrontamentos directos. En resumo, que só perdeu un partido no que vai de curso e, encima, era intranscendente.
O Mecalia Atlético Guardés, pola súa banda, viaxa concienciado da necesidade de virar o rumbo na liga Guerreiras Iberdrola, pero tamén tendo claro que Europa é distinta. Ata o momento, o seu rendemento foi impecable. E así quere que continúe sendo. Ana Seabra ten as baixas de Júlia Nuez e Ángela Nieto, pero Nazaret Calzado e Fanny Descalzo, que non se estrearon contra Elxe, poderían ter os seus primeiros minutos no Pavilhâo de Funchal. Alí xogou, ademais de Seabra, Carolina Silva. A primeira liña de Caldas da Rainha militou no conxunto madeirense na tempada 2019/20 e anotou 112 goles. Con ambas, Patrícia Lima, Sandra Santiago e o preparador físico Joâo Mesquita completan o quinteto luso do Mecalia Atlético Guardés. Sen dúbida, será un partido especial para elas e para el.
O equipo miñoto non estará só. Ao redor dun centenar de afeccionados estará en Funchal para apoiar ao equipo. A mellor afección de España nunca falla, e nesta ocasión non será a excepción. A necesidade de apoio do seu Atlético Guardés, facilidade para viaxar desde Porto e a beleza da illa portuguesa motivou este importante desprazamento. Unha pequena colonia guardesa no medio do Atlántico. A misión, dar o primeiro paso cara ás semifinais.
AXENDA
EHF European Cup
Cuartos de final
Ida
Madeira SAD-Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 11 de febreiro
18:00 (hora española)
Pavilhâo de Funchal (Madeira, Portugal)
Árbitros: Yves Schols (Países Baixos) e Stephen Martens (Bélxica)
Ningún comentario:
Publicar un comentario