BALONMAN FEMININO
EHF European Cup
O Mecalia Atlético Guardés dá o primeiro paso cara a semifinais en Madeira (26-30)
• O conxunto miñoto sobrepúxose a un mal inicio (7-1 no primeiros oito minutos) para gañar por quinta vez noutros tantos partidos na Copa Europea
• Unha extraordinaria Míriam Sempere impulsou ao Mecalia Atlético Guardés cara á remontada
• Ana Seabra estreouse con vitoria na que foi a súa casa e Fanny Descalzo e Nazaret Calzado viviron a súa reestrea coa camiseta guardesa
Infogauda / Redacción
A estrea de Ana Seabra á fronte do Mecalia Atlético Guardés saldouse cunha boa vitoria. O conxunto miñoto superou a domicilio ao Madeira SAD (26-30) no partido de ida dos cuartos de final da Copa Europea e obtivo unha valiosa renda de catro goles que debe confirmar no choque de volta do próximo domingo 19 na Sangriña.
E iso que o conxunto vermello empezou con dúbidas debido ao explosivo inicio da escuadra lusa. Empuxadas polo seu animoso pavillón, as xogadoras locais desarbolaron ao Mecalia Atlético Guardés cun demoledor parcial de 7-1 en oito minutos. Ana Seabra parou o partido cun tempo morto e, aínda que a reacción non foi inmediata, si que supuxo o xerme do que se produciu despois. Míriam Sempere relevou a Marisol Carratú na portería, a defensa axustouse mellor -coa reestrea de Fanny Descalzo no centro do 6:0- e a partir dunha dobre exclusión do equipo local desatouse a tormenta.
Era o minuto 12 e o marcador do Pavilhâo do Funchal reflectía un contundente 10-4. Pero o Mecalia Atlético Guardés soubo xogar a superioridade numérica e obter un parcial de 0-3 que volvía metelo no duelo. E así, ata o descanso. Porque o rendemento da porteira alacantina, combinado co traballo defensivo de todas as súas compañeiras, mantivo ao Madeira en dez tantos durante 14 minutos. Mentres, os goles caían un tras outro na portería local ata lograr unha boa renda de tres dianas ao descanso (11-14). Pero ese resultado era só o da primeira das catro partes da que consta esta eliminatoria. Quedaba moita pedra que picar. E aínda que o Mecalia Atlético Guardés logrou irse ata os seis goles nun bo inicio, o Madeira nunca se rendeu. Nunha especie de efecto espello, unha dobre exclusión do conxunto miñoto permitiu ás locais enchufarse e poñerse a un tanto (21-22).
Aí foi cando volveu aparecer o mellor Mecalia Atlético Guardés. E a mellor Míriam Sempere. A de Santa Pola seguía encadeando paradas para frear o impulso madeirense. Aos poucos, o ataque tamén se tranquilizou. Lima axigantouse na dirección e da súa conexión coa liña empezaron a caer os goles. Nazaret Calzado tamén debutou co Mecalia Atlético Guardés e ata asinou un gol. Así, a pesar de sufrir dúas exclusións máis, o cadro miñoto garantiuse unha vitoria valiosísima (24-30) que debe facer valer o vindeiro domingo na Sangriña.
Madeira SAD-Mecalia Atlético Guardés (26-30)
Madeira Andebol SAD (11+15):
Isabel Gois (p.), Suelma Soares (p.); Neide Duarte (7), María Duarte (5), Marilene Souza (4), Rissia Oliveira (4), Joana Pires (3), Erica Tavares (2), Patrícia Rodrigues (1), Catarina Silva, Joana Ribeiro, Francisca Araújo, Patrícia Morais e Luana Jesús.
Mecalia Atlético Guardés (14+16):
Marisol Carratú (p.); África Sempere (1), Sandra Santiago (3), Nazaret Calzado (1), Giselle Menéndez, Carolina Silva, Fanny Descalzo (1), Pauli Fernández (9), Míriam Sempere (p.) (1), Cris Cifuentes (1), Patrícia Lima (5), Celia López, Elena Amores, Carla Gómez, María Sancha (7) e Daniela Moreno (1).
Marcador cada cinco minutos:
5-1, 7-2, 10-5, 10-8, 10-10, 11-14 (descanso); 14-18, 15-24, 19-21, 21-24, 24-28 e 26-30 (final).
Árbitros:
Yves Schols (Países Baixos) e Stephen Martens (Bélxica). Excluíron con dous minutos á locais Marilene Souza (2) e Rusia Oliveira (2) e á visitantes Elena Amores (2), Patrícia Lima, Cris Cifuentes, Fanny Descalzo e Nazaret Calzado.
Incidencias:
Partido de ida dos cuartos de final da Copa Europea, disputado no Pavilhao do Funchal (Madeira, Portugal). Antes do choque gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas do terremoto en Turquía e Siria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario